Paloma Castro alerta de que o goberno galego “non está á altura da realidade de moitas familias do país” e censura que empregue o deporte “como autoeloxio e propaganda baleira”
A portavoz de Deporte do Grupo Socialista, Paloma Castro, reclamoulle á Xunta que poña en marcha axudas económicas urxentes para que ningún neno ou nena quede fóra do deporte federado por falta de recursos. A responsable socialista presentou unha pregunta oral na Comisión Institucional do Parlamento na que advertiu que máis da metade dos nenos e nenas quedan fóra das actividades deportivas estruturadas pola falla de apoio do goberno galego.
A responsable socialista advertiu que Galicia “está perdendo grandes deportistas polo camiño” polo desleixo do PP, que se limita a “autoeloxio e a propaganda”, empregando medida como o Bono Deporte unicamente “como arma electoral”. Advertiu que “as súas respostas non están á altura da realidade que viven moitas familias neste país”, e reclamou unha “aposta sostida polo acceso equitativo ao deporte como ferramenta de saúde, integración e benestar para a mocidade”.
Castro propón unha liña de axudas dirixidas a familias empadroadas no territorio galego, que fixe un límite de renda familiar determinado polo goberno galego e que cubra total ou parcialmente gastos como o material deportivo, as cotas de inscrición ou a federación dos menores. Defendeu a práctica deportiva “como un dereito constitucional e unha ferramenta chave de benestar e de cohesión social”, que precisa dun “acceso xusto, inclusivo e igualitario”.
Salientou que a práctica deportiva a idades temperás garante beneficios físicos, emocionais e sociais, contribúe á mellora da saúde, á prevención da obesidade, o desenvolvemento de hábitos de vida saudables e a adquisición de valores como o compañeirismo, a disciplina e o esforzo e a construción dunha identidade persoal positiva e resiliente.
Paloma Castro reclámalle ao goberno galego que se comprometa no impulso da práctica deportiva e sexa “consciente do custe que supón para moitas familias nestas datas asumir o inicio da actividade deportiva dos seus fillos, ás veces inviable economicamente”. Estas dificultades “poñen en risco o principio de equidade e poden derivar na exclusión de feito da práctica deportiva para moitos nenos e nenas”.