

Paloma Castro advirte que o actual convenio remata en decembro de 2025 e reclama un novo texto consensuado coas asociacións, co Colexio da Avogacía e o da Procuraduría de Galicia que garanta unha “financiación suficiente, estable e adaptada á realidade”
A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Paloma Castro, reclamoulle á Xunta que acorde canto antes coas asociacións, co Colexio da Avogacía e o da Procuraduría a renovación do convenio para a asistencia xurídica gratuíta. Castro presentou unha proposición non de Lei no Parlamento para reclamar a renovación deste convenio e “financiación digna, estable e adaptada ás necesidades actuais” da quenda de oficio, pero que foi rexeitada polo PP.
A responsable socialista advertiu que o orzamento para este servizo leva “anos” conxelado, e reclamou un “proceso de diálogo serio e real co Consello da Avogacía Galega” e que “actualice os baremos de retribución, incorpore actuacións hoxe excluídas e simplifique os procedementos administrativos”. En definitiva, reivindicou “que recoñezan e reforcen o carácter de servizo público esencial da asistencia xurídica gratuíta, garantindo condicións dignas para quen a presta”.
Castro Explicou que os baremos continúan “desfasados”, e servizos como o da mediación, a violencia de xénero ou a xustiza penal de garda continúan sen estar adecuadamente retribuídos. Sinalou que son os propios colexios de avogados os que teñen que asumir o 92 por cento do custe deste servizo “con recursos propios, con persoal propio e a costa de outras áreas do seu funcionamento”.
A maiores, reclamoulle á Xunta que “revise e incremente de forma inmediata a achega económica destinada á xestión da quenda de oficio”, que afecta a un servizo público “esencial” e que garante “o dereito á defensa, o acceso á xustiza e a igualdade real ante a Lei”. Reclamou “respecto” á avogacía galega, e sinalou que “non é xusto que quen garante a xustiza teña que facelo a costa da súa propia economía”.