

Paloma Castro alerta de que a supresión do profesor de Pedagoxía Terapéutica “contribúe á perda de servizos, ao deterioro da vida local e o despoboamento”, afondando na vulnerabilidade do rural
Leva unha batería de iniciativas ao Parlamento logo de reunirse no Parlamento coas anpas dos centros e os representantes socialistas nos dous concellos
A parlamentaria socialista Paloma Castro esixiulle hoxe á Consellería de Educación que repoña a praza de profesor de Pedagoxía Terapéutica que compartían os CEIP Avelino Cachafeito de Soutelo de Montes -Forcarei- e de Cerdedo -en Cerdedo – Cotobade- e que veñen de suprimir.
Castro presentou unha batería de iniciativas no Parlamento neste sentido logo dunha xuntanza na sede da Cámara autonómica coas Anpas dos dous centros na que tamén participaron a portavoz socialista de Forcarei e ex alcaldesa, Verónica Pichel, e o concelleiro socialista de Cerdedo – Cotobade, Manuel García Alonso.
A responsable socialista criticou que o goberno galego suprimiu este recurso “sen ningún motivo técnico nin social”, provocando unha “perda significativa para ambos centros”, que “dificulta a atención personalizada e entorpece a inclusión educativa” do alumnado. Ademais, advertiu que “transmite un sinal negativo ás familias e ao conxunto da comunidade, contribuíndo á perda de servizos, o deterioro da vida local e o despoboamento”.
Lembra que “o rural galego precisa de políticas activas que o protexan, non de decisións que afonden na súa vulnerabilidade”, polo que urxiu ao goberno galego a “repoñer con urxencia a praza de Pedagoxía Terapéutica retirada”, así como “medidas ambiciosas para asegurar que os centros rurais poidan desenvolver o seu labor educativo con dignidade e estabilidade”.