Julio Abalde reclámalle ao goberno galego que exerza as súas competencias para que o persoal poida ser contratado nas universidades públicas logo da negociación colectiva das condicións laborais
O portavoz de Universidade do Grupo Socialista, Julio Abalde, reclamoulle ao goberno galego que regule “xa” as figuras de profesorado laboral permanente das universidades galegas. O responsable socialista presentou unha pregunta oral na Comisión de Educación na que lle reclamou á Consellería que exerza as súas competencias e permita así a contratación deste persoal logo da negociación colectiva das súas condicións laborais.
O responsable socialista reclamoulle á Xunta de Galicia que “non se ampare en marcos regulatorios como o estatuto do Persoal Docente Investigador ou decisións de avaliacións das axencias autonómicas para non exercer as súas competencias”. Explicou que “a situación é ao revés: é a Xunta en uso das súas competencias a que ten que regular esas figuras e despois a Axencia da Calidade do Sistema Universitario de Galicia establecerá os criterios e mecanismos de avaliación”.
Advertiu que as universidades e os representantes dos traballadores “non poden seguir realizando a necesaria negociación nunha situación transitoria utilizando unha figura xa inexistente desde a posta en marcha da Lei Orgánica do Sistema Universitario de 2023”. Advertiu precisamente da súa imposibilidade “sobre todo cando están en plena negociación do III Convenio Colectivo”.
Igualmente, Abalde reclamoulle á Xunta de Galicia que regule os dous niveis competenciais e salariais na figura de profesor laboral permanente que permite esta nova Lei para facilitar a promoción precisamente do profesorado laboral permanente.