
Aitor Bouza critica que persistan nun modelo que “non está a funcionar” logo de máis de 90 modificacións da Lei do Solo en 10 anos
O portavoz de Vivenda do Grupo Socialista, Aitor Bouza, esixiulle á Xunta unha “revisión profunda” do seu modelo urbanístico, que persiste no erro de “alimentar a especulación e a desigualdade territorial”. Así o dixo na comparecencia no Parlamento da directora xeral de Urbanismo para facer balance dunha década da Lei do Solo na que aplicaron máis de 90 modificacións, a maioría pola porta de atrás da Lei de Acompañamento para eludir o debate parlamentario.
Bouza criticou que nestes dez anos demostraron que “priorizaron a liberalización de solo fronte á planificación estratéxica” e fixeron unha xestión máis preocupada por “favorecer os intereses do mercado por enriba do interese xeral”, e que polo tanto “fracasaron á hora de garantir algo tan básico como o dereito á vivenda”.
Dixo que “non poden falar de éxito urbanístico cando o principal problema social está directamente vencellado á política de solo e á falta de planificación pública, os demandantes de vivenda pública non deixan de aumentar”. Criticou que empregaran a simplificación de procedementos como escusa para desregular o mercado, reducir garantías e debilitar a capacidade de planificación das administracións públicas.
Advertiu que “Galicia non precisa de máis autocompracencia, precisa máis planificación estratéxica, máis vivenda pública, máis equilibro territorial e máis compromiso coa sustentabilidade”. Bouza concluíu lembrando ao arquitecto e ex alcalde de Compostela Xerardo Estévez, que dicía que “o urbanismo non pode ser un instrumento ao servizo da especulación nin dos intereses duns poucos, senón unha ferramenta para construír cidades máis xustas e habitables para a maioría.”