Patricia Iglesias advertiu da necesidade de dotar as instalacións dos medios necesarios para garantir unha atención de calidade, de ampliar espazos asistenciais e zonas comúns e de acometer melloras en accesibilidade e eficiencia enerxética
A deputada citou, entre outros problemas que presenta o edificio, filtracións de auga, humidades, falta de ventilación, pavimentos deteriorados, ocos no falso teito ou fiestras estragadas, que representan “un desgaste xeralizado”
A deputada socialista Patricia Iglesias reclamoulle hoxe á Xunta de Galicia unha reforma integral do centro de saúde de Padrón para dotalo das infraestruturas e medios necesarios para garantir unha atención sanitaria de calidade. Iglesias advertiu da “urxencia” desa reforma, que debe incluír melloras na accesibilidade e na eficiencia enerxética, ademais dunha actualización tecnolóxica.
A parlamentaria socialista tamén se referiu á necesidade de ampliar tanto os espazos asistenciais coma as zonas comúns, e demandou que se estableza un cronograma público de execución das obras, co fin de “garantir a transparencia, o seguimento e a participación do Concello de Padrón no proceso”.
Iglesias recordou que o centro de saúde padronés soporta unha carga asistencial moi elevada, “que continúa medrando” tanto pola evolución demográfica como polo avellentamento da poboación dos municipios aos que da cobertura, tanto o propio de Padrón como outros da mesma comarca. Porén, as instalacións “non están á altura das necesidades actuais nin futuras”.
Soportou esa afirmación nas deficiencias estruturais que presenta o edificio, con falta de espazo, deficiencias na accesibilidade e unha carencia grave en canto a actualización tecnolóxica. Ese conxunto de problemas “comprometen a seguridade e o benestar tanto dos profesionais como das persoas usuarias”.
Entre outros problemas, citou filtracións de auga, humidades, falta de sistema de ventilación, pavimentos deteriorados, mobiliario oxidado ou en pésimas condicións, falta de placas do falso teito ou fiestras e portas estragadas. Todo xunto suma “un desgaste xeralizado das instalacións”, alertou.
Unha demanda reiterada
Patricia Iglesias lamentou que a reforma do centro de saúde non é unha demanda nova, senón reiterada “en múltiples ocasións pola veciñanza, polos profesionais sanitarios e polas distintas forzas políticas”. Sinalou tamén que a situación provocou manifestacións públicas, mais os compromisos por parte do Goberno do PP “non se materializan”.
A deputada chamou a atención sobre que a protección da saúde “é un dereito fundamental” e que, para garantilo, é imprescindible proporcionarlle á cidadanía uns servizos sanitarios públicos, gratuítos, universiais “e en condicións dignas”.