
Paloma Castro reclámalle ao goberno galego que elimine as trabas administrativas que exclúen á maioría das mulleres vítimas de trata das axudas para vítimas de violencia de xénero
A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, Paloma Castro, urxiu hoxe á Xunta a presentar o II Plan Galego contra a Trata, que tiña que ter aprobado xa hai un ano. Castro presentou unha pregunta oral na Comisión de Política Social para reclamarlle ao goberno galego que elimine as trabas administrativas da orde de axudas para vítimas de violencia de xénero que están a deixa fóra á maioría de vítimas de trata.
A parlamentaria socialista reclamoulle ao goberno galego que aprobe o Plan contra a Trata “canto antes, porque xa van tarde”, e que incrementen as subvencións destinadas a entidades sociais para desenvolver proxectos de atención integral ás vítimas. Lembrou que as axudas levan conxeladas nos 450.000 euros dende o ano 2019, mentres o goberno galego non quere escoitar ás peticións das asociacións reclamando o incremento das achegas.
Castro explicou que as entidades precisan das partidas que permitan desenvolver as súas liñas de traballo, así como consolidar e garantir a súa labor no territorio, xa que o modelo de subvención anual impide que poidan ser “un axente colaborador permanente, especializado e profesionalizado”.
Reclamou naturalizar o termo de prostitución para incluír o seu uso dentro do concepto de violencia de xénero, aumentando ademais os recursos de acollemento especializados en Saúde Mental e Adiccións para vítimas de trata, explotación sexual ou que estean dentro do sistema prostitucional. Tamén propuxo o impulso dun programa específico de axuda ás mulleres prostituídas que planifique un itinerario transversal e garanta axuda periódica para a atención integral e inserción sociolaboral.
Axudas ás vítimas
Paloma Castro reclamoulle ao goberno galego que supriman as trabas administrativas impostas pola Orde da Xunta do 10 de decembro de 2025 de axudas para vítimas de agresión sexual que deixa fóra de facto ao 90 por cento das vítimas de trata. Explicou que ao poñer como requisito que as mulleres vítimas estranxeiras teñan residencia legal en España exclúe ás vítimas das redes de trata, que precisamente son na súa inmensa maioría mulleres estranxeiras en situación irregular.
Este requisito impide que poidan acceder a unha prestación económica básica que podería resultar determinante para iniciar un proceso real de saída da violencia e garantir a súa autonomía persoal e integración social. Explicou que estas mulleres son vítimas precisamente de redes criminais que se aproveitan da súa vulnerabilidade, da falla de alternativas e do medo á deportación, xa que non son autorizadas a empadroarse nin poden abrir unha conta bancaria.
Castro lembrou a obriga das administracións públicas de garantir a protección integral das vítimas de violencia de xénero con independencia da súa situación administrativa. Así o recollen os principios internacionais en materia de dereitos humanos e a normativa estatal e autonómica en materia de igualdade e loita contra a violencia machista, polo que a súa protección “non pode quedar supeditada a requisitos administrativos que na práctica perpetúan a súa exclusión e dependencia”.