
Patricia Iglesias reclama unha estratexia activa no marco das competencias do goberno galego no seguimento, avaliación de riscos e apoio ás empresas galegas afectadas
Reclámalle a Rueda que “deixe de facer de comentarista e comece a actuar como goberno”
A portavoz de Economía e Industria do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, vén de presentar unha batería de iniciativas no Parlamento para reclamarlle á Xunta un Plan de acción para afrontar o impacto da guerra no Oriente Medio sobre a economía galega. Reclama unha estratexia proactiva de “información, coordinación institucional e medidas concretas de acompañamento” e esíxelle a Rueda que “deixe de facer de comentarista e comece a actuar como goberno”.
A responsable socialista lembra que o goberno galego dispón de instrumentos propios para tomar medidas de calado, sinaladamente a través do Igape, as políticas de internacionalización, a planificación industrial ou os mecanismos de diálogo cos sectores produtivos. Sen embargo, advirte que “máis alá das declaracións e mensaxes públicas, non se coñecen medidas concretas nin instrumentos específicos activados pola administración autonómica.
Considera “especialmente preocupante” que diante dun escenario internacional “complexo e cambiante”, o goberno galego opte por despregar unicamente unha estratexia de comunicación baseada en “trasladar toda a responsabilidade da resposta institucional ao Goberno de España”.
Alerta do grave erro estratéxico e de xestión que supón que o goberno galego estea a “eludir o exercicio das súas propias competencias exclusivas en materia de política industrial, apoio á internacionalización empresarial, promoción económica, comercio exterior ou seguimento sectorial”.
Reclama por iso que entregue no Parlamento un informe específico do impacto potencial do conflito do Oriente Medio sobre a economía galega, mobilizando ao mesmo tempo os instrumentos propios da Xunta de Galicia para “anticipar e mitigar os posibles efectos negativos da situación internacional”. Tamén propón activar un sistema de seguimento permanente da evolución da situación internacional e as súas consecuencias para as empresas galegas exportadoras.
Iglesias urxiu ao goberno galego a poñer en marcha canles de diálogo e coordinación cos sectores produtivos e co tecido empresarial galego, especialmente cos máis dependentes do comercio exterior. Reclamou que colaboren co Goberno de España na posta en marcha de medidas de resposta económica, asumindo e exercendo as competencias propias da Comunidade Autónoma.