

Carmen R. Dacosta alerta de que preto de medio millón de galegos e galegas marcharon entre 2009 e 2024 pola falla de apoio do goberno galego
A portavoz de Emprego do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, criticou hoxe a “ineficaz” Estratexia Retorna da Xunta, que fracasa á hora de recuperar aos descendentes de emigrantes pola falla de incentivos reais e que “non hai planificación territorial vencellada á ordenación produtiva”. Así o dixo na comparecencia do director xeral de Emigración no Parlamento, a quen lle sinalou que os case medio millón de galegos e galegas que emigraron dende 2009 dan a medida do fracaso das políticas da Xunta.
Dacosta advertiu que “o retorno debe ser emprego digno, vivenda accesible, integración real, avaliación transparente e coherencia institucional”, mentres o goberno galego responde con “anuncios e declaracións de intencións” que resultan estériles fronte ao problema demográfico estrutural de Galicia. Puntualizou que “a mocidade galega non pide privilexios, pide oportunidades para quedar, e o retorno merece políticas de país” das que carece o PP no goberno galego.
Puntualizou que “o mellor Plan de retorno sería que a xente non tivera que marchar”, e explicou que os galegos e galegas retornados apenas supoñen unha cuarta parte do saldo migratorio. A parlamentaria socialista explicou que Galicia “sostén a súa poboación grazas á achega imprescindible de persoas nacidas fóra, o que non resolve o problema estrutural” cando só en 2024 marcharon 36.700 persoas, 4 de cada 10 de menos de 35 anos.
Acusou ao goberno galego de permanecer impasible fronte aos salarios inferiores á media estatal, a elevada parcialidade e uns alugueiros que supoñen ata o 70 por cento do salario xuvenil. Puxo como exemplo do desleixo da Xunta que deixaran sen tocar a liña de axudas de vivenda vencellada ao Retorna Cualifica Emprego, cunha execución “non baixa, non insuficiente, senón que é do cero por cento”, o que demostra a “falla dunha política estruturada de retorno”.
Dacosta propuxo darlle a volta á estratexia para garantir “planificación con datos, un banco público de emprego para retornados, parque público de vivenda suficiente e coordinación real co tecido empresarial”. Reclamou unha programación eficaz para “atraer persoas, fixar poboación e combater o declive demográfico.
Lei de netos
Dacosta afeoulle ao PP a súa oposición frontal á Lei de Memoria Democrática, que precisamente recoñece dereitos á nacionalidade aos netos da emigración, porque, dixo, “non se pode votar en contra do instrumento e despois apropiarse do resultado” cando o goberno galego “segue sen Plan propio par atraer e integrar a quen pode volver”.
A parlamentaria socialista reivindicou a chegada de emigrantes retornados como “unha oportunidade estratéxica” por canto Galicia “necesita poboación nova, precisa talento e precisa de man de obra”.