

Aitor Bouza critica que a Xunta reclamara a competencia do litoral para “darlle luz verde a un complexo turístico na costa de Ferrol”
Advirte que as os Orzamentos de 2026 demostran que o medio ambiente “non é unha prioridade política para o PP”
O portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Aitor Bouza, advertiu hoxe que o recorte do 10 por cento nos orzamentos da Consellería de Medio Ambiente demostran que “non é unha política prioritaria”. Así o dixo na comparecencia da conselleira para presentar as contas do seu departamento para o próximo ano, que “reducen a capacidade de actuar” fronte ao cambio climático.
Criticou que o goberno galego estea a “condonarlle 700 millóns de euros aos ricos” en rebaixas fiscais mentres reducen un 10 por cento os orzamentos de medio ambiente, o que “deixa moi claras as prioridades do PP”. Con estes orzamentos “reducen a capacidade de actuar fronte aos incendios, de protexer a nosa costa, de garantir a calidade da auga, de loitar contra o cambio climático e de conservar o noso patrimonio natural”.
Bouza reclamoulle á conselleira que “rectifiquen as políticas e os presupostos” de medio ambiente para recuperar os recortes e buscar acordos para “crear un marco xeral e global” que dea ferramentas para “traballar na defensa do territorio, anticiparse ao cambio climático e situar á sustentabilidade no centro da política pública”. Advertiu que “o medio ambiente non é un luxo, é unha condición que precisamos para o futuro”.
Lamentou que a conselleira se presentara hoxe no Parlamento “máis preocupada de confrontar e de atacar ao goberno do Estado que de presentar as contas do seu departamento” na súa carreira por asumir o cargo de “embaixadora do PP de España en Galicia”. Esixiulle que asuma a súa responsabilidade como conselleira e explique o desinterese do goberno galego para impulsar as políticas de prevención de incendios que afectaron ás zonas protexidas de Ourense.
Transferencia do litoral
Contrastou que os Orzamentos de Medio Ambiente son “un gasto” para o PP, pero “un investimento de futuro” para os socialistas galegos, e lamentou que “vexan no territorio algo para explotar, e nós como un patrimonio que hai que coidar e protexer para as vindeiras xeracións”.
Puxo como exemplo a xestión da competencia do litoral, transferida este mesmo ano, por parte do PP, que están a empregar para “dar luz verde ambiental a un complexo turístico na costa de Ferrol”. Esixiu un “control exhaustivo” da costa para impedir que impoñan o seu modelo de “turisticación” da costa galega e reclamou garantías do desenvolvemento desta competencia en colaboración cos concellos da costa.
O parlamentario socialista emprazou á conselleira a repoñer o patrimonio natural do Banquete de Conxo, en Santiago de Compostela, que o goberno galego “destrozou” antes de que a secretaria xeral de Patrimonio renunciara ao cargo deixando na mesa do seu despacho un informe desfavorable á actuación da Xunta.
Reclamoulle que se preocupe “menos de atacar ao goberno de Pedro Sánchez e máis das súas competencias” e de darlle por exemplo resposta á situación de Conxo, a explicar se vai recibir aos propietarios e propietarias dos terreos nas Fragas do Eume ou de acometer o abastecemento de auga en Neda logo de que o alcalde se negara a unilo a Narón.