Silvia Longueira denuncia que nos últimos 16 anos “roubóusenos a Galicia a oportunidade de ter unha televisión que nos represente” e cun tratamento informativo “que non dera vergoña”
A portavoz do Grupo Socialista na Comisión de Control da CRTVG, Silvia Longueira, dixo hoxe que o director xeral da CRTVG vai deixar o seu cargo logo de “desbotar unha xeración enteira de xornalistas” logo de 16 anos de xestión caracterizados pola “censura, manipulación informativa e represión interna”. Así o dixo na derradeira comparecencia de Sánchez Izquierdo no Parlamento para presentar a Memoria do ente de 2024.
Longueira advertiu que logo da chegada do PP ao goberno galego “roubóusenos a Galicia a oportunidade de ter unha televisión que nos represente”, nos que lle furtaron a unha xeración enteira de xornalistas “a oportunidade de construír un corpus informativo que non dera vergoña”. Centos de profesionais, dixo, que tiveron que emigrar como profesionais a outros destinos fora de Galicia mentres o PP construíu unha TVG que “non representa en absoluto á súa poboación”.
Engadiu que “unha televisión pública sen credibilidade é un fracaso institucional e unha traizón ao pobo que a financia”, e o caso da galega “non está ao servizo da cidadanía galega, senón da Xunta de Galicia e, máis concretamente, do PP”. Citou como exemplo a recente cobertura do nomeamento da nova conselleira do Mar, tratado como un “evento de despedida ao conselleiro do Mar que está a ser investigado por un presunto delito de agresión sexual”.
Lembrou que “levamos xa 369 venres negros” protagonizados pola Plataforma Defende á Galega, que cada semana “lembran que a manipulación informativa e a censura selectiva seguen estando presentes nas emisións da radio e a televisión públicas de Galicia”.
Explicou que forman parte dunha plantilla que ten que soportar un “clima laboral deteriorado”, cunha alta litixiosidade que “afecta á empresa, á redución do número de traballadores ou á modificación unilateral das condicións de traballo, denunciadas reiteradamente polos traballadores e as súas representacións legais”.