
Silvia Longueira critica unha xestión “de costas ao Colexio de Xornalistas e á Mesa do Audiovisual por parte dunha TVG “domesticada” que “continúa sendo unha ferramenta de propaganda do PP”
A portavoz do Grupo Socialista na Comisión da TVG, Silvia Longueira, advertiu que “mentres haxa venres negros” en denuncia da manipulación informativa nos medios públicos de comunicación, e mentres “sigan de costas ao Colexio de Xornalistas e á Mesa do Audiovisual, seguirei dicindo que a TVG non representa a Galicia”. Así o dixo na comparecencia da directora xeral da CSAG para presentar as contas do próximo ano.
A responsable socialista pechou a súa intervención lembrando que mañá farán xa 389 venres negros de protesta dos traballadores contra un modelo de medios públicos “domesticados” polo goberno para que “continúen sendo unha ferramenta de propaganda do PP”. Longueira explicou que dos 139,9 millóns de orzamentos, 131 corresponden a achegas patrimoniais da Presidencia da Xunta de Galicia, e só 8,5 millóns proceden de ingresos por publicidade.
Os medios públicos de comunicación subsisten así grazas ao “mesmo peto que paga as roldas de prensa de Rueda”, e que consolida a “manipulación estrutural que converte un servizo público nun instrumento de control da opinión”. Criticou que, lonxe de representar a pluralidade galega, o ente “continúa sendo unha ferramenta de propaganda do PP”.
Apuntou ademais que a política de recursos humanos “non responde a criterios de modernización, senón de inmobilismo e clientelismo”, que promociona un “envoltorio tecnolóxico” cando realmente perpetúa un “modelo vertical centralizado e dirixido dende San Caetano”.
Acusou ao PP de “prometer independencia e transparencia” na nova Lei da Corporación, pero en realidade a TVG carece de contrato programa plurianual público nin avaliable, e a rendición de contas é “puramente formal”. Explicou así que “non hai indicadores reais de pluralismo nin de diversidade informativa, e sobre todo “non hai vontade política de abrir a corporación á sociedade civil nin ao control parlamentario efectivo”.
A dirección do ente, engadiu, renuncia a cumprir coa súa obriga fundacional de impulsar á lingua galega, polo que “cando un acende a televisión ou sintoniza a radio, o único que ve e escoita é un “galego residual, artificial e cada vez máis arrinconado, cunha axenda informativa que coincide sospeitosamente coa do Consello da Xunta dos luns pola mañá”.
Longueira cuestionou a xestión da dirección da Corporación, que se preocupan máis de atender aos ditados de San Caetano e caricaturizar á oposición que de atender á súa responsabilidade, abandonando o territorio, desatendendo a produción audiovisual propia e desatendendo os controis de xénero. Lembrou así o comentario desafortunado do humorista Miguel Lago, que nun programa da TVG ironizou cos “chochetes”, nun episodio “absolutamente intolerable”.