

Carmen R. Dacosta critica que despracen a responsabilidade a concellos, propietarios e o clima cando fallan á súa obriga de comezar coa prevención no inverno para ter o dispositivo en marcha dende o 1 de xaneiro
A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, advertiu que sen prevención estrutural, sen planificación e sen ordenación do territorio por parte da Xunta “Galicia está condenada a arder”. Dacosta presentou unha Interpelación non Pleno do Parlamento na que denunciou o desleixo da conselleira de Medio Rural, que volve incumprir a obriga legal de ter aprobado o Pladiga antes do 31 de outubro.
Dacosta lamentou que o goberno galego “non teña aprendido a lección dos incendios deste verán” e volva chegar tarde un ano máis á obriga de presentar en tempo o Plan Anual de Prevención, Vixilancia e Extincións de Incendios Forestais -Pladiga-. Este documento resulta fundamental para ter contratado e preparado ao persoal, distribuír os recursos con criterio e garantir unha coordinación real e, advertiu, “sen ese Plan non hai prevención posible, só improvisación”.
Criticou que no canto de asumir as súas responsabilidades de goberno intenta “desprazar a responsabilidade cara aos concelleiros, cara aos propietarios ou cara ás condicións ambientais”. Advertiu que “non poden esixir corresponsabilidade cando non garanten financiamento estable, apoio técnico nin coordinación efectiva”, e tampouco lle poden pedir aos concellos que “cubran as carencias dunha Xunta que nin sequera cumpre coa obriga de planificar en prazo”.
A responsable socialista alertou de que “cando o Plan chega tarde non se poden programar con tempo os traballos de prevención, non se dá seguridade nin ao persoal nin á cidadanía”, e “renunciar de novo á prevención dende o 1 de xaneiro é condenar a Galicia a chegar outra vez tarde”. Criticou que “sigan priorizando anuncios fronte a políticas estruturais e sigan evitando asumir responsabilidades”.
Responsabilizou á conselleira de Medio Rural do incumprimento do ditame da Comisión de Estudo que aprobou o Parlamento en 2018 con máis de 120 medidas apoiadas polos socialistas galegos e que sete anos despois seguen sen aplicar.
Dixo que esta é unha das causas estruturais do fracaso actual da política de prevención de incendios, que afrontan cada ano sen unha nova Lei de Incendios, sen plans de Ordenación dos Recursos Forestais -PORF-, sen reformar o modelo de brigadas municipais, nin avaliación periódica do sistema nin transparencia real sobre a execución da prevención.