José Ramón Gómez Besteiro mantivo un encontro coa Plataforma de Estudantes diante do Parlamento e esixiulle á Consellería de Educación que rectifique e repoña o Máster que queren suprimir no próximo curso
O portavoz do Grupo Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, esixiulle ao conselleiro de Educación que rectifique na súa decisión de suprimir o Máster de Matemáticas da USC. Así o dixo durante un encontro coa Plataforma de estudantes concentrados ás portas do Parlamento antes de que o portavoz de Educación do Grupo Socialista interpelara ao conselleiro nunha pregunta oral no Pleno que se celebrou hoxe.
O líder dos socialistas galegos dixo que a demanda dos e das estudantes de Matemáticas é “unha reivindicación xusta en materia educativa” e fundamental para o desenvolvemento profesional dos licenciados do Grao de Matemáticas.
O portavoz de Educación, Julio Abalde, advertiulle pola súa banda ao conselleiro de Educación que a decisión de suprimir o Máster provoca un “empobrecemento grave” da oferta académica do Sistema Universitario de Galicia. A súa eliminación da oferta académica aínda que sexa durante un curso supón, engadiu, “un dano irreparable para o futuro destes estudos e liñas de investigación en marcha”.
Reclamoulle ao conselleiro que “atenda ao clamor e reclamación da comunidade universitaria” e reverta a decisión de suprimir o Máster de Matemáticas “declarando de novo a singularidade do mestrado e autorizando a inscrición do estudantado” cara ao curso 2025/26. Sinalou que se trata precisamente do Máster de referencia para o aceso ao doutoramento nas áreas de coñecemento nucleares e básicas da titulación de Matemáticas, que é única en Galicia.
Advertiu que o Máster en Matemáticas “debe considerarse indispensable para manter a oferta global do sistema universitario, cun especial interese estratéxico para a formación universitaria en Galicia”. Constitúe a “vía natural” de acceso á investigación en áreas básicas das matemáticas vencelladas a investigadores, cunha “acreditada excelencia e referencia a nivel nacional e internacional”, que cubre “de sobra” as condicións para obter a declaración de singularidade.
Esta declaración é a que permite que se sigan impartindo os másteres que durante tres cursos consecutivos non teñen a media de alumnado de novo ingreso por baixo dos mínimos de 20 matrículas para másteres.