

Carlos López Font critica que repitan as mesmas políticas erradas no marisqueo engadindo recortes “onde máis doe”: menos equipamento para detectar mareas vermellas e menos material técnico “para a xente que pisa o banco marisqueiro”
O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Carlos López Font, alertou hoxe de que a baixa execución histórica da Consellería do Mar e un Orzamento para 2026 por baixo do PIB e do IPC desbota as políticas de pesca do PP no goberno galego. O responsable socialista interveu na comparecencia da conselleira do Mar para presentar no Parlamento as contas para o próximo ano, que “repiten a mesma receita fracasada” de anos anteriores.
López Font sinalou que a baixa execución dos orzamentos da Consellería do Mar “suprimen calquera relevancia” das contas para o próximo ano por parte deste departamento. O parlamentario socialista explicou que no que vai de ano aínda ten sen executar o 91,3 por cento do orzamento para mellora da produción pesqueira e acuicultura.
Engadiu que segundo os datos de execución presupostaria presentados polo propio goberno galego, este ano só teñen executado o 14,7 por cento do programa de regulación das producións e dos mercados de pesca, e o 25,4 por cento de desenvolvemento sostible de zonas de pesca.
O responsable socialista advertiu que as contas da Consellería do Mar para o próximo ano medrarán en calquera caso por debaixo do IPC, o que supón que “a efectos reais decrece a utilidade” deste departamento, que anticipa unha “redución do crecemento económico” da pesca galega. Así o dixo logo de sinalar que o PIB medrará un 2,5 por cento e o IPC entre o 2,8 e o 2,9 por cento a finais de 2025, pero estes orzamentos aumentan un 2,23 por cento.
As mesmas receitas erradas no marisqueo
O responsable socialista acusou á conselleira do Mar de repetir as mesmas receitas erradas para o marisqueo, no cando de buscar solucións á caída xeneralizada da produtividade cunhas contas que supoñen “parches e recortes cirúrxicos” que van contra un sector “exemplar en coidado do recurso, en corresponsabilidade e en resiliencia”. Criticou que o goberno galego evite “defender o marisqueo con políticas á altura da súa importancia social, ambiental e económica”.
Criticou que diante da difícil situación para milleiros de familias decidan aplicar “baixas selectivas xusto onde máis doe”, reducindo os orzamentos para federacións e colectivos, equipamento para asociación entre investigadores e pescadores ou a partida para material técnico destinado aos que precisan máis seguridade “a pé de banco” marisqueiro.
López Font advertiu que con estes orzamentos recortan o investimento no equipamento que permite medir as biotoxinas ou diminúen o material técnico cando tódolos informes reclaman máis operatrividade na actividade extractiva e máis coordinación anti – furtivismo. O responsable socialista reclamou a restitución das baixas en equipamento e material técnico, un plan anti peches por biotoxinas, un fondo de estabilización de rendas vencellado a días de peche certificados.
Estabilidade, dignidade e futuro
Reclamou “estabilidade, dignidade e futuro a quen vive do mar”, cun plan plurianual de rexeneración de bancos marisqueiros e medidas dirixidas a ofrecer maior valor engadido á produción, como etiquetaxe de orixe, trazabilidade dixital ou campañas de produto de ría. Tamén reclamou un Plan galego de especies invasoras mariñas e unha nova normativa actualizada e unificada para a pesca profesional e o marisqueo.
Concluíu que estes orzamentos demostran a “falla de interese” do PP e do goberno galego polo sector do mar, que en Europa representa o comisario do PPE Costas Kadiss. Ironizou con que agora “semella que non coñecen” ao comisario de Pesca que defendían como “esperanza” para o sector, e que é o responsable do recorte do 67 por cento das partidas para a pesca galega no proxecto de Plan Plurianual para o período 2028 – 2034.