

Patricia Iglesias denunciou a “alfombra vermella” que os populares lle puxeron ao “proxecto persoal de Rueda” e asegurou que o Goberno lle deu a “estocada final” á macrocelulosa: “Non ao Perte, non á axuda de 250 millóns, non á subestación”
Reclamoulle á Xunta unha axilización administrativa dos proxectos industriais estratéxicos “sen menoscabo das garantías ambientais, a transparencia e a participación pública das entidades locais e das organizacións sociais”
A deputada socialista Patricia Iglesias defendeu hoxe no pleno do Parlamento galego unha iniciativa a través da que se insta á Xunta a axilización administrativa dos proxectos industriais estratéxicos (PIE) “sen menoscabo das garantías ambientais, a transparencia e a participación pública das entidades locais e das organizacións sociais, dotando ás unidades administrativas competentes dos recursos técnicos e humanos necesarios”.
A parlamentaria do PSdeG sinalou o “fracaso total” dos PIE. “Están todos paralizados, aínda en fase de alegacións, ningún coa tramitación avanzada, sen informes públicos de seguimento e a web oficial nin sequera está actualizada”, afirmou sobre unha situación que preocupa “aos sectores industriais, aos concellos, aos sindicatos, ao mundo académico e, sobre todo, á cidadanía”.
Iglesias recordou que se trata dunha competencia da Xunta, polo que lle pediu ao Goberno de Rueda que non bote “balóns fóra” culpabilizando ao Estado e deixe de recorrer á “confrontación permanente”. “Vostedes anuncian PIEs, pero non executan PIEs”, denunciou, e apuntou como o “símbolo dun fracaso” a sociedade Impulsa Galicia, que a Xunta vendeu como “a gran ferramenta tractora” e acabou por disolver “en pleno agosto, ás agachadas”, sen que canalizase un só proxecto e “sen explicarlle á cidadanía por que desaparecía”. Criticou, ademais, que agora “a súa irmá xemelga”, Recursos de Galicia, non presente contas pero se anuncien compras de activos a multinacionais por valor de 700 millóns de euros, “en vez de impulsar a industria galega”.
A deputada socialista resumiu ese modelo en “rescatar empresas privadas mentres o país queda sen proxectos propios nin planificación”, no medio dun “caos normativo” que mantén máis de 90 parques eólicos suspendidos polo TSXG, un plan de 1997, un novo suspendido polo Tacgal e 14 cambios normativos en poucos anos. Segundo afirmou, “o resultado é claro: inseguridade total, parálise total” por culpa “dun PP que leva 16 anos improvisando”. Entre tanto, a industria segue á espera de “enerxía limpa, estable e con seguridade xurídica”.
“O espello de todo o mal que está a facer o PP”
Patricia Iglesias apuntou ao macroproxecto de Altri en Palas de Rei como “o espello de todo o que está a facer mal o PP”, como “a proba definitiva do fracaso da política industrial do PP”. Entre outros problemas, citou a “opacidade, improvisación, risco económico e desprezo polo medio ambiente” que está demostrando a Xunta.
“Foi o proxecto persoal do señor Rueda. Puxéronlle a alfombra vermella, asinaron pactos secretos a través de Impulsa Galicia, prometeron o que non podían cumprir, e cando todo cae, buscan culpables fóra”, relatou. Insistiu en que a cidadanía “descoñece o contido” dese pacto cos promotores da fábrica e os compromisos que figuran nel. “Por se fose pouco, borraron da web da Xunta documentos oficiais do proxecto”, denunciou.
Iglesias explicou que Altri “é ambiental e economicamente inviable” porque non cumpre o principio de non dano significativo, nin a taxonomía verde, e prevé un “consumo masivo de auga”. Por enriba, perpetúa un modelo forestal “baseado no eucalipto despois da vaga de lumes”. Por iso, valorou que o Goberno de España lle dese á macrocelulosa a “estocada final: non ao Perte, non á axuda de 250 millóns, non á subestación eléctrica”.