A deputada Patricia Iglesias advertiu que o modelo proposto polo nacionalistas suporía “perder 2.000 millóns de euros” e recortar servizos públicos
O Grupo Socialista rexeitou hoxe no Parlamento galego a proposta do BNG para implantar en Galicia un sistema de concerto económico como o de Euskadi e Navarra. A deputada Patricia Iglesias advertiu que esta fórmula “non é boa para Galicia nin política, nin económica, nin socialmente” e asegurou que “suporía perder 2.000 millóns de euros e recortar servizos públicos”.
“O Grupo Socialista di con claridade: Galicia non necesita privilexios fiscais, necesita un financiamento suficiente, xusto, e un Estado que funcione como un proxecto común e solidario”, sinalou Iglesias. Fronte ao “discurso perigoso” do “España nos rouba”, a parlamentaria socialista defendeu que “non se pode confundir soberanía con insolidariedade, nin autogoberno con illamento”.
A deputada cualificou o modelo do concerto como “excluínte, insolidario e inviable para Galicia”, e advertiu que Galicia é hoxe “receptora neta” do sistema común de financiamento, grazas ao cal ingresa un 4,37 % máis que a media das comunidades autónomas. “Se aplicamos un concerto, deixamos de recibir fondos de nivelación, e iso significaría recortar servizos e non ampliar competencias”, explicou.
Iglesias lamentou a ausencia dunha proposta seria por parte da Xunta e acusou ao presidente Rueda de “recitar como un loro as consignas que lle chegan desde Génova”, mesmo rexeitando a condonación de 4.000 millóns de euros de débeda pública “por puro capricho partidista”.
Fronte á vía do BNG, Iglesias defendeu a reforma do sistema de financiamento de 2009 impulsado por Zapatero: “Temos que actualizar o modelo, recoñecer as nosas singularidades —avellentamento, dispersión poboacional— e garantir a igualdade no acceso aos servizos públicos”.
A deputada socialista puxo en valor a aposta do Goberno de Pedro Sánchez pola cooperación coas comunidades e os feitos: “Galicia recibiu un 40 % máis de recursos que nos anos do PP, máis de 9.000 millóns adicionais”. E lembrou que o PP votou en contra, no Congreso, do real decreto que actualiza os anticipos a conta, polos que Galicia recibirá 700 millóns de euros.
Finalmente, advertiu que a proposta do BNG responde a “un nacionalismo do século pasado” que “non pensa nos galegos e galegas, senón en levantar bandeiras aínda que iso empobreza o país”. “Desde o Grupo Socialista dicimos si a reformar o financiamento, si a condonar a débeda, si a recoñecer as nosas singularidades, pero non a romper a solidariedade territorial, que é a nosa liña vermella”, concluíu.
Patricia Iglesias comenzou a intervención cun alegato contra a dobre vara de medir do PP en materia de corrupción: “A resposta fronte á corrupción marca a diferenza. O PSOE asume, colabora e dá a cara. O PP agocha, acusa anónimamente e fuxe”.
Lembrou que no Parlamento galego “sentada ao meu carón” está quen presentou unha denuncia anónima contra Gómez Besteiro na Operación Pulpo, arquivada a semana pasada sen que ninguén do PP pedise desculpas. “Xa se sabe que quen precisa do anonimato para acusar é porque teme que a verdade lle dea na cara”, advertiu. E rematou con ironía, aproveitando a data de San Xoán: “Imos dicilo claro: meigas fóra”.