

Elena Espinosa denuncia “dobre alevosía” do conselleiro para prexudicar a Vigo e responsabilizar ao goberno central
Lembra que tódolos gobernos autonómicos que reclamaron conseguiron a continuidade das sedes mentres a Xunta dobre alevosía
A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Elena Espinosa, responsabilizou hoxe ao conselleiro de Sanidade de que Vigo siga a ser excluída como sede dos exames MIR en Galicia. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei na Comisión de Sanidade para reclamarlle ao conselleiro que presente a solicitude para manter os exames nesta cidade igual que fixeron Andalucía, Estremadura ou Castela e León.
Espinosa explicou que en primeiro lugar a ministra de Sanidade “equivocouse” ao incluír a Vigo na proposta de redución de sedes dos exames a partir de 2026, xunto con Cádiz, León, Girona, Cáceres e Ciudad Real. A partir de aí, explicou que tódolos gobernos que presentaron alegacións contra esta decisión, que foron os de Estremadura, Andalucía e Castela – León, conseguiron que o Ministerio rectificara, pero Galicia non porque, subliñou, o conselleiro “esqueceuse de pedir por Vigo”.
Criticou que o conselleiro “minte” cando “cala o que sucedeu, o oculta e vai en contra de Vigo” porque “só quere que sexa Santiago a sede dos exames MIR” xa que, lembrou, o goberno galego do PP é partícipe desta decisión como vogal da Comisión Nacional de Recursos Humanos do Sistema Nacional de Saúde. Afeoulle a “dobre alevosía” ao intentar prexudicar a Vigo e responsabilizar a Pedro Sánchez, pero “non puido porque había testemuñas”.
Reclamoulle ao conselleiro que “recoñeza que se equivocou e rectifique na postura que mantivo” no dito órgano para recuperar Vigo como sede dos exames MIR, que vén acollendo a raíz da chegada da covid – 19, e na que participan 549 aspirantes nunha cidade de 295.000 habitantes, que dan argumentos máis que suficientes para manter a sede.
A iniciativa foi rexeitada porque o PP non quixo sinalar a responsabilidade do conselleiro para que “rectifique e o recoñeza publicamente”, pero aprobaron a súa propia iniciativa neste sentido na que tamén rexeitaron unha emenda presentada no mesmo sentido polos socialistas galegos.