
O deputado do PSdeG Aitor Bouza tamén criticou a designación do exalcalde de Noia como novo responsable de Educación na provincia da Coruña “despois dos seus chistes machistas e franquistas”
“Despois dos seus chistes machistas, despois dos seus chistes franquistas e despois de que o Consello de Contas o fiscalizara e estea investigando os seus gastos como exalcalde de Noia, Rueda decide nomealo director territorial de Educación”. Así censurou Aitor Bouza a designación Santiago Freire como responsable da consellería na provincia, publicada no número de hoxe do Diario Oficial de Galicia.
O portavoz socialista de Educación no Parlamento galego ironizou con que esa é “a conduta que quere como modelo o Partido Popular para un posto tan importante” nunha materia moi sensible, como é a educación.
O deputado do PSdeG lamentou “profundamente” que esa sexa “a aposta” do presidente para a dirección territorial e sinalou que, “como lle pasou a Feijoo, polas súas compañas os coñeceremos”. “Xa imos vendo por onde quere continuar Rueda o seu mandato no ámbito educativo”, salientou.