Lara Méndez cuestiona o abuso das comparecencias en Comisión por sistema para “impedir o traballo de control e fiscalización” por parte da oposición
A portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Lara Méndez, acusou hoxe ao director xeral de Gandaría de facer un “novo exercicio de autobombo e menosprezo da labor da oposición” na súa comparecencia sobre sanidade vexetal hoxe na Comisión de Agricultura. A responsable socialista afeoulle ao goberno galego que abuse das comparecencias en Comisión para impedir o traballo parlamentario.
Méndez explicou que con estas comparecencias “impiden o traballo de control e fiscalización” porque limitan as iniciativas de control que se debaten nas diferentes sesións parlamentarias, e por extensión “fáltanlle ao respecto á cidadanía” ao “deturpar o funcionamento das institucións”.
Sobre a sanidade vexetal, Méndez reclamoulle ao goberno galego que reforce a prevención de pragas, mellore os dispositivos de detección temperá de brotes en zonas libres, redobre o esforzo para a erradicación das pragas cando sexan detectadas e centre os seus esforzos na protección da produción agrícola e a biodiversidade.
Salientou a necesidade urxente de impulsar cambios na sanidade vexetal a través da investigación, formación e transferencia tecnolóxica para mellorar a xestión de enfermidades, pragas e malas herbas. Chamou ao goberno galego a ofrecer unha resposta dende diferentes ángulos, garantindo a óptica medioambiental nas formas e sistemas de produción e poñendo a máxima atención para prever a introdución transfronteiriza de axentes nocivos.
Reclamou atención aos cambios nas tecnoloxias de aplicación na produción agro – forestal e a xestión da sanidade vexetal, poñendo enriba da mesa medios e estratexias para a xestión de enfermidades, pragas e malas herbas e reforzando a invecstigación, formación e transferencia tecnolóxica.