
Silvia Longueira critica que o “bloque conservador liderado polo PP de Feijóo” estea a impedir o recoñecemento da lingua na UE
Acusa ao PP de Feijóo de impedir que cheguen a Galicia 40 millóns de euros dos fondos europeos derivados da cooficialidade e un incremento de 100 millóns no sector cultural
A portavoz de Lingua do Grupo Socialista, Silvia Longueira, esixiulle ao PP e ao goberno galego que “deixen de empregar o galego como ferramenta política” e desbloqueen a cooficialidade da lingua nas institucións europeas. Longueira presentou unha pregunta oral na Comisión de Cultura do Parlamento na que criticou que o “bloque conservador liderado polo PP de Feijóo” é o principal escollo para acadar este recoñecemento.
A responsable socialista lembrou o acordo unánime do Parlamento a favor da cooficialidade, que sen embargo se topou co muro imposto polo ex presidente da Xunta, Núñez Feijóo, que no canto de “botar peito por fóra e defender a nosa singularidade”, está a impedir que o PP europeo apoie o recoñecemento das linguas cooficiais nas institucións europeas. Advertiu que ningún Estado se opón formalmente á declaración, pero varios “piden tempo”.
Explicou que “non é un problema de lingua, é un problema de vontade política” para frear este recoñecemento, que suporía a tradución de leis e documentos oficiais ao galego, o dereito a usar a lingua nas intervencións oficiais ou a resposta das institucións utilizando esta lingua. Explicou que segundo as estimacións máis prudentes, se Galicia captara só o 0,05 por cento adicional dos fondos europeos derivados do recoñecemento, suporía entre 25 e 40 millóns de euros anuais.
Esta medida permitiría xerar traballo, impulsar a industria editorial e cultura, subvencións específicas e potenciar o emprego cualificado nos sectores tecnolóxicos, cun crecemento de entre o 5 e o 10 por cento do sector cultural equivalente a 100 millóns de euros anuais. Ademais, sinalou o incremento da capacidade administrativa e de representación e o incremento da presenza institucional en Bruxelas e Estrasburgo.