Julio Abalde recriminoulle ao Goberno do PP que os pacientes se atopan “totalmente desprotexidos e abandonados polo Sergas”
O deputado socialista recordou que cinco áreas sanitarias xa contan con ese servizo e esixiulle ao conselleiro que explique “que diferenza hai entre un enfermo de cardiopatía en Ferrol ou A Coruña con outro de Ourense”
O Grupo Socialista no Parlamento galego reclamoulle hoxe á Xunta que poña en marcha unidades de rehabilitación cardíaca nos hospitais de Ferrol e A Coruña. Julio Abalde reprochoulle ao Goberno do PP que, mentres que outras cinco áreas sanitarias dispoñen dese servizo, os pacientes de ambas cidades “teñen que desprazarse a Lugo ou Santiago” para recibir atención.
O deputado do PSdeG sinalou que, nunha comunidade autónoma “cun dos índices de cardiopatías máis altos”, as unidades de rehabilitación elevan as posibilidades de supervivencia e proporcionan unha mellor calidade de vida. “Como se pode xustificar que non se creen esas unidades?”, preguntoulle ao conselleiro de Sanidade durante a sesión de control ao Goberno na Cámara autónoma.
Abalde recriminoulle tamén que os enfermos, que deben enfrontar unha rehabilitación “moi longa”, se atopan “totalmente desprotexidos e abandonados polo Sergas” durante ese proceso. “Vostede sabe perfectamente que esas unidades son necesarias, porque hai cinco áreas sanitarias que as teñen”, insistiu, e instou ao conselleiro a explicar “que diferenza hai entre un enfermo de cardiopatía en Ferrol ou A Coruña con outro de Ourense”.
O parlamentario socialista lembroulle que entre as súas responsabilidades está a de “garantir a igualdade de trato e de servizos para todos os galegos e as galegas” no sistema sanitario, e por iso lle reprochou que os habitantes das áreas sanitarias da Coruña e de Ferrol “non teñen as mesmas posibilidades de atención”. Apuntou, ademais, que a incidencia de infartos de miocardio na zona ferrolá é “moi importante”, con preto de 500 casos ao ano.
“Estes enfermos, lamentablemente, non dispoñen dun servizo de rehabilitación cardíaca, e a súa consellería é a responsable”, concluíu Julio Abalde.