Patricia Iglesias reprochoulles aos populares que tampouco apoiasen os 14.000 millóns de euros que habilitou o Goberno de España para dar soporte aos sectores prexudicados pola guerra comercial, á que Rueda reaccionou “con pasividade e pouca ambición”
O Grupo Socialista reclamoulle hoxe á Xunta que poña en marcha un plan de apoio ás empresas que sofren os efectos da guerra comercial que desatou o presidente de Estados Unidos coa súa política arancelaria. Patricia Iglesias defendeu unha moción a través da que se esixía a activación dun fondo de axuda directa aos sectores máis prexudicados, o impulso á diversificación de mercados internacionais e a promoción exterior dos produtos galegos. Porén, o PP votou en contra da iniciativa.
Por outra banda, a proposta do PSdeG incluía o establecemento de reunións de traballo periódicas das asociacións empresariais que enfronten un maior impacto do conflito comercial, nas que deberían participar os sindicatos máis representativos e a organización Unións Agrarias, dadas repercusións do problema no rural. Tamén se lle demandaba ao Goberno galego que informase no Parlamento, de xeito periódico, sobre os efectos de este contexto sobre a economía galega.
A deputada socialista criticou na súa intervención o voto negativo do PP, pero tamén a oposición dos populares ao plan de 14.000 millóns que o Goberno puxo en marcha para beneficiar ás empresas damnificadas pola guerra arancelaria de Trump. “Non hai explicación, agás unha oposición sen ideas, sen dirección e sen escrúpulos”, censurou Iglesias, que valorou a iniciativa do Executivo central como “seria, ambiciosa e urxente”, co obxectivo de mitigar os efectos negativos “dunha política comercial inxusta que pode golpear de cheo sectores estratéxicos para Galicia, coma o agroalimentario, a automoción, o viño, o conserveiro ou o naval”. “Votar contra ese plan é darlle as costas a Galicia”, reiterou.
Patricia Iglesias insistiu, pola contra, na necesidade de complementar ese plan “actuando tamén desde aquí” para estar “á beira do tecido produtivo galego”, dándolles soporte ás pequenas e medianas empresas “que crean riqueza e emprego”. Nese senso, lamentou que comunidades como Andalucía, Cataluña ou A Rioxa actuasen “con intelixencia e responsabilidade” abrindo procedementos para apoiar ao seu tecido económico mentres a Xunta aplicaba “a estratexia do silencio”, cun Rueda que reaccionou “con pasividade e pouca ambición”.