Carlos López Font empraza ao goberno galego a “abandonar o desleixo” e sumarse ao impulso do Estado para triplicar o investimento público en vivenda
O portavoz de Vivenda do Grupo Socialista, Carlos López Font, emprazou hoxe ao goberno galego a sumarse ao acordo de vivenda que proporá o goberno na Conferencia de Presidentes do próximo venres. O responsable socialista salientou que “é o momento de abandonar dunha vez o desleixo” do goberno galego nos últimos 16 anos e “asuman a prioridade” que representa a situación da vivenda para milleiros de galegos e galegas.
Esixiulle ao goberno galego que asuma a súa responsabilidade e acepte a proposta do goberno central, que se ofrece a asumir o 60 por cento do investimento mentres Galicia aportaría o 40 por cento restante. Lembrou que o ano pasado o goberno galego tan só executou o 30,1 por cento do programa de Acceso á Vivenda e deixou sen executar o 44,9 por cento do programa de Fomento á Rehabilitación, o que “da a medida da escasa importancia que lle dan a un problema central”.
Reclamoulle ao goberno galego que apoie a iniciativa do goberno central de blindar de forma indefinida a cualificación das vivendas con protección pública, como medida fundamental para garantir a súa función social e frear a especulación, impedindo que sexan descualificadas e vendidas no mercado libre.
O responsable socialista Tamén avogou por crear unha base de datos pública e fiable sobre os prezos da vivenda nunha plataforma compartida entre as administracións e accesible á cidadanía e que garanta a mellora da transparencia e a eficacia das políticas públicas.