

Paloma Castro lamenta o “ridículo” do PP, que foi a Caldas a protestar contra a Variante Oeste de Caldas de Reis despois de que Besteiro anunciara a paralización da vía
A parlamentaria socialista Paloma Castro reclamoulle á Xunta que retome o proxecto da VG-47 como vía alternativa á PO – 531 que une Pontevedra e Vilanova para conectar o Porto de Vilagarcía coa AP-9 sen duplicar vías innecesarias. Castro presentou unha emenda de substitución á iniciativa do PP contra a Variante Oeste de Caldas, que quedou desfasada cando o propio Besteiro anunciou a súa paralización a semana pasada.
A responsable socialista emprazou ao PP a “deixar de facer o ridículo e dedicarse a traballar de verdade polos problemas da xente” logo de constatar que “nunca están ao lado da veciñanza cando máis o necesitan”, e que “só aparecen por oportunismo político cando poden facer ruído político”. Neste caso, dixo, chegaron tarde, cando o goberno xa decidiu paralizar a actuación logo de manter “diálogo coa veciñanza, coas plataformas e co alcalde, o socialista Jacobo Pérez”.
Explicou que esta decisión foi tomada logo de “meses de xuntanzas” coas plataformas implicadas, que non se opoñen a mellorar a mobilidade nin a desviar o tráfico da N640 arredor de Caldas, pero si a un proxecto que consideraban desproporcionado e prexudicial para os veciños e veciñas do rural.
Autovía alternativa
Castro presentou unha emenda de substitución para mudar a iniciativa desfasada do PP por unha proposta para que a Xunta que retome o proxecto de autovía VG-47 que Feijóo paralizou en 2012, e dende entón “os proxectos caducaron, non se actualizaron e seguen gardados nun caixón”. Explicou que permitiría conectar o Porto de Vilagarcía coa AP-9 sen duplicar vías innecesarias, recuperando o corredor Curro – Baión e garantindo un acceso directo ao Porto por Meis.
Emprazou a Rueda a “facer o seu traballo e cumprir coa comarca” cunha infraestrutura que garante mellor mobilidade, máis competitividade para o porto e moito menos impacto sobre o territorio, que que resolvería un problema de conectividade.