

Elena Espinosa advirte que máis de 3.000 familias galegas só dispoñen dunha única unidade de referencia no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña
A portavoz de Sanidade do Grupo socialista, Elena Espinosa, reclamoulle á Xunta que reforce as unidades multidisciplinares de miocardiopatías no Sergas, así como un protocolo de coordinación destas unidades co resto de servizos de Cardioloxía e de Atención Primaria. A responsable socialista presentou unha proposición non de Lei na Comisión de Sanidade que foi rexeitada polo PP.
Espinosa reclamou medidas urxentes e contundentes para asegurar o correcto seguimento dos pacientes con estas enfermidades, que hoxe só contan cunha única unidade de referencia no Centro Hospitalario Universitario da Coruña para un total de 3.000 familias en toda Galicia. Esta é unha das unidades multidisciplinares de referencia designadas polo Ministerio de Sanidade para o diagnóstico e tratamento das cardiopatías familiares.
A responsable socialista apuntou a traballar dende o servizo público facilitando o acompañamento das familias para lograr un mellor coñecemento da enfermidade e apoio psicolóxico ou promovendo novos estudos clínicos e de investigación sobre a enfermidade. Tamén propuxo un protocolo que inclúa autopsia xenética nos casos de morte súbita en menores de 50 anos, así como dotando de dispositivos de desfibrilación automática en tódolos espazos de lecer e educativos.
Explicou que as miocardiopatías constitúen un grupo de enfermidades potencialmente graves polo risco de morte súbita e pola importante afectación sobre a calidade de vida dos doentes. Estas patoloxías, que afectan ao músculo do corazón e son a primeira causa de morte súbita en mozos e deportistas, supoñen un número importante de transplantes cardíacos e un elevado uso de recursos sanitarios, pero sen embargo reciben unha atención moi escasa.