Paloma Castro alerta de que a alteración dos areais produtivos polo descoñecemento dos turistas impide o coidado e rexeneración do marisco e alerta fronte ao risco que supón o consumo de bivalvos recollidos a man sen control sanitario
A parlamentaria socialista Paloma Castro reclamoulle hoxe á Consellería do Mar que poña en marcha unha campaña informativa para garantir o equilibro entre a actividade marisqueira e o turismo nas praias do Salnés. A responsable socialista presentou unha pregunta oral na Comisión de Pesca do Parlamento na que reclamou “compromiso, políticas públicas e información clara” por parte do goberno galego para frear a alteración dos areais por parte dos visitantes.
Castro explicou que os visitantes que removen os fondos e recollen estas especies por descoñecemento da normativa interrompen o ciclo de recuperación natural, reducindo o rendemento futuro. Ademais, sen querelo están destruíndo meses de coidado e rexeneración dos bancos por parte das mariscadoras, poñen en risco o equilibro do ecosistema mariño e afectan á sustentabilidade do sector marisqueiro artesanal.
Alerta de que esta práctica que se está a detectar nas praias que forman parte dos bancos marisqueiros en primeiro lugar supón un risco para a saúde, xa que os particulares recollen estas especies que son consumidas sen ningún control sanitario. Lembra que os turistas non teñen por que estar informados por exemplo de cando hai marea vermella, na que o molusco pasa a ser tóxico e non se pode recoller.
A parlamentaria socialista explica que a actual sinalización nas praias e puntos de acceso é escasa e pouco visible, e non sempre está dispoñible en varios idiomas, o que obriga ás mariscadoras a exercer de “policías das praias” e apercibir aos turistas, xerando múltiples problemas. Reclama por iso unha campaña informativa “eficaz, multilingüe e moderna” que explique a normativa a tódolos visitantes das praias, que son fonte de vida e sustento para moitas familias.
Explica que “falar de turismo responsable non é un slogan, é unha necesidade”, e advirte que “non podemos promocionar Galicia como paraíso natural e despois desatender as consecuencias da masificación. Defendeu un “modelo sostible, que coide os nosos recursos e respecte a quen traballa neles, porque o futuro do noso mar non se pode deixar á improvisación, precisa de compromiso, políticas públicas e información clara”.