Aitor Bouza alerta de que no que vai de ano deixaron sen executar o 95 por cento dos fondos de Acceso á Vivenda e acumulan 270 millóns sen gastar en materia de vivenda dende 2009
O portavoz de Vivenda do Grupo Socialista, Aitor Bouza, reclamoulle hoxe á Xunta que poña en marcha o Banco Público de Aluguer proposto polo líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, para promover prezos asequibles e ofrecer garantías aos propietarios e aos inquilinos. O responsable socialista presentou unha proposición non de Lei no Pleno do Parlamento pero que será votada mañá mércores.
Bouza reclamoulle ao goberno galego que remate cos 16 anos de desleixo dende a chegada do PP á Xunta, nos que puxeron en marcha menos vivendas que as máis de 7.000 que construíu o goberno presidido polo socialista Pérez Touriño só entre 2005 e 2009. Advertiu que os 42 millóns de euros para acceso á vivenda que deixaron sen executar no ano 2024 supoñen só unha pequena parte dos 270 millóns orzamentados e non investidos dende o ano 2009.
Afeoulles que en 2024 deixaron sen gastar o 70 por cento dos fondos previstos para acceso á vivenda, pero que vai polo mesmo camiño no ano 2025, xa que no que vai de ano deixaron sen gastar o 95 por cento dos fondos. Criticou que con estes datos se permitan rexeitar os 380 millóns de euros que o goberno central quere enviar a Galicia dentro do Plan Estatal de Vivenda, no que é a maior aposta pola vivenda pública en 40 anos e que permitiría construír máis de 4.000 vivendas protexidas en Galicia.
Tildou de “incomprensible” o desinterese do goberno galego cando a vivenda se ten convertido nun dos principais problemas sociais para milleiros de mozos e familias que teñen que pagar un alugueiro de 800 euros cun salario de 1.200. Explicou que hoxe hai 22.680 familias apuntadas no rexistro de demandantes de vivenda pública cando a Xunta é incapaz de poñer no mercado as máis de medio millón de vivendas baleiras de Galicia, segundo os datos oficiais do INE.
Reclamou “vivenda digna, prezos xustos e unha administración que dea seguridade e non escusas” porque “o mercado non se autorregula cando hai desigualdade, o mercado especula, e a Xunta consinte”. Propuxo por iso a posta en marcha do Banco Público de Aluguer como “ferramenta para actuar xa”, ao tempo que actúan sobre o parque xa construído poñendo no mercado a vivenda baleira que “está pechada e podería dar un fogar a milleiros de galegos e galegas”.
Bouza explicou que o Banco de Aluguer debe actuar como instrumento para incrementar a oferta de alugueiro a prezos asumibles, fomentar a confianza dos propietarios e garantir dereitos para quen precisa vivenda digna.
A proposta inclúe un sistema de garantías coa cobertura de non pagamentos e posibles danos, ao tempo que os inquilinos poderán acceder ao alugueiro a prezos non superiores ao 30 por cento da renda media dispoñible das familias con contratos de longa duración. Ademais, reclamou a posta en marcha de campañas de información para fomentar que as persoas propietarias de vivendas baleiras se incorporen a este programa.