Paloma Castro acusa ao PP de perpetrar unha “inxustiza laboral” logo dun rescate que supuxo 45 millóns de euros de regalo para unha concesionaria que acumulaba unha débeda de 20
A deputada do Grupo Socialista Paloma Castro reclamoulle hoxe ao PP que manteña aos 13 traballadores de mantemento da Autovía do Salnés aos que quere deixar na rúa logo do rescate da vía. Castro dixo que ao rexeitar a proposición non de Lei que presentou neste sentido na Comisión de Infraestruturas do Parlamento, o PP ampara un recorte de persoal que “vulnera dereitos e porá en risco a calidade do servizo”.
A responsable socialista explicou que esta situación deriva do rescate de catro autovías galegas con peaxe na sombra en outubro de 2024, unha operación que supuxo un custe de 297 millóns de euros e que foi cuestionada polo Consello de Contas, que advertía que mediante revisións contractuais o goberno podería aforrar 44 millóns de euros.
Naquela operación estaba incluída a Autovía do Salnés, que no seu caso se resolvería pagándolle graciosamente 45 millóns de euros á concesionaria, que pola súa banda tiña unha débeda de só 20. Castro acusou ao PP de “blindar beneficios empresariais, 13 traballadores e traballadoras foron excluídos do novo contrato de conservación publicado no mes de xuño” empregando un subterfuxio ao alegar que o novo contrato non sería de explotación, senón de conservación e mantemento.
Con esta fórmula permítense prescindir de todo o persoal de dirección e administración que viña traballando para a concesionaria aplicando unha “redución deliberada do cadro de persoal” e actuando con “opacidade, prepotencia e vulnerando dereitos laborais recoñecidos”. Advertiu que o goberno galego debe incluír no novo contrato a subrogación do persoal das contratas que viñan mantendo a AG-41 -Autovía do Salnés-, tal e como establece a normativa vixente.