Julio Abalde critica que o Goberno de Rueda non dea resposta á choiva de reclamacións que provocou o novo modelo, que provocou numerosas deficiencias e eliminou a competencia
Demanda tamén o informe da adxudicación para comprobar que se cumpre o obxectivo de facilitar o acceso de pequenas e medianas empresas á contratación pública, así como a competitividade
O Grupo Socialista vén de reclamar no pleno do Parlamento de Galicia garantías de que a Xunta facilitará transporte escolar a todo o alumnado que o precise. Julio Abalde defendeu na sesión de hoxe unha moción a través da que, ademais, se esixe o establecemento dun protocolo de resolución das queixas que presenten as familias, de modo que se lles dean resposta nun prazo inferior a un mes.
Abalde recordou que a decisión do Goberno de Rueda de unificar todos os transportes por estrada un só plan de mobilidade xerou unha importante cantidade de reclamacións, tanto desde o transporte metropolitano como desde o escolar, e criticou que a Xunta non lles está dando resposta a esas “múltiples incidencias” que puxeron de manifesto especialmente as asociacións de nais e pais. De feito, ese silencio durante meses, ata que rematou o curso, provocou que a Valedora do Pobo tomara cartas no asunto.
Trátase de deficiencias que se repetiron por todo o territorio galego. Entre elas houbo incumprimentos de horarios, buses que non chegaban ás paradas, emprego de vehículos sen prazas dabondo ou ausencia de medidas de seguridade mínimas, tal como recordou o deputado. Entre outros problemas, citou casos nos que grupos de escolares chegaron a perder “ata unha hora de clase semanal”, algo que, criticou, “non é lóxico”, ademais de “afectar á calidade educativa”
Para Julio Abalde, o novo modelo non causou só esas eivas, senón que tamén fomentou un oligopolio, “anulou a competencia e as pequenas empresas desapareceron”. Por iso, un dos obxectivos agora debe ser que se facilite o acceso de pemes para fomentar a competitividade. Nese senso, reclamou que se remita á Cámara autonómica o informe das adxudicacións, co fin de comprobar o cumprimento dese propósito.
O parlamentario socialista reclamou tamén que, cunha periodicidade trimestral se envíe ao Parlamento un informe sobre o número de queixas relacionadas co transporte escolar, “cantas foron respondidas e cantas deron lugar a apertura dun expediente por incumprimento das condicións do servizo, as súas razóns e posibles sancións”.