Elena Espinosa esíxelle ao conselleiro de Sanidade que “non xoguen coas mulleres, non lles creen inseguridade por pura confrontación política”
A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Elena Espinosa, reclamoulle hoxe ao conselleiro de Sanidade que entregue os datos dos cribados de cancro que lles está a pedir o Ministerio de Sanidade. Así o dixo no debate dunha pregunta oral sobre o incremento nas listas de espera por especialidades que veñen de facer públicas a semana pasada coas que o goberno galego “segue pulverizando rexistros negativos”.
A responsable socialista aludiu á decisión de Galicia de seguir a directriz do PP de Madrid e negarse a remitir os datos de cribado de cancro ao goberno central logo do escándalo destapado polas irregularidades na sanidade andaluza. Reclamoulle ao goberno galego que se desmarque desta estratexia e “deixen de xogar coas mulleres” e “non lles creen inseguridade por pura confrontación e deslealdade co goberno de España”.
Apuntou que “coa saúde non se xoga, e coas listas de espera tampouco”, antes de acusar a Rueda de incumprir co seu compromiso de 2023 de rebaixar as listas de espera con respecto a antes da pandemia e “hoxe son 73.000 persoas máis que naquel momento, e con máis días de espera”. Sinalou que hai máis de 370.000 galegos e galegas en listas de espera, e reclamou que “rectifiquen e non enganen máis”.
Advertiu que “detrás de cada retraso hai unha persoa que ten problemas de saúde, que está pendente dunha consulta, e probas diagnósticas ou dunha cirurxía, e que a súa saúde seguramente se agrave mentres están pendentes de ser atendidos”. Mentres o goberno galego intenta “enganar, despistar e manipular a realidade”, están a provocarlle “malestar, angustia e inseguridade” aos galegos e galegas nas listas de espera e ás súas familias.
Espinosa aludiu ao malestar dos galegos e das galegas coa sanidade pública, como revela unha macroenquisa elaborada polo INE, que apunta que son os que máis se queixan só por detrás dos rioxanos. Sinalou que un 31,76 por cento dos galegos e das galegas quéixanse da demora excesiva ou mesmo de inaccesibilidade á asistencia médica por listas de espera como consecuencia dun sistema que “viu recortada a capacidade asistencial” coa xestión do PP no goberno galego.