

O deputado Aitor Bouza criticou a discriminación que sofre o único concello ao que os gobernos do PP deixaron fóra dos plans de depuración na contorna da ría de Ferrol
Alertou de que o Intecmar vén de reclasificar a maior parte do banco marisqueiro das Pías como zona C polo empeoramento da calidade das augas
O Grupo Socialista no Parlamento de Galicia reclamoulle hoxe á Xunta que deixe de eludir as súas responsabilidades e financie de xeito inmediato as actuacións necesarias para completar o saneamento de Neda, o que implicaría, ao mesmo tempo, pechar o saneamento integral da ría de Ferrol.
O deputado Aitor Bouza acusou a Augas de Galicia de estar “mareando a perdiz” e adiando continuamente a solución ao problema. Apuntou que o plan director que a Administración autonómica lle esixiu ao Concello xa está presentado, e agora o que falta é “que se incorpore unha partida ao Orzamento”, logo de que o PP rexeitara facelo durante a tramitación do Presuposto da Xunta para o 2026, tal como reclamaban os socialistas.
“O Concello xa ten dado os pasos que administrativos que se lle reclamaban e agora necesitamos que o saneamento se conecte ao colector xeral e á EDAR de Prioriño”, afirmou. “Non pedimos nin máis nin menos que o que se destina a outros municipios, porque un concello en solitario non pode asumir o custe deste tipo de infraestruturas”, dixo.
Aitor Bouza recordou que o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) acaba de reclasificar a maior parte do banco marisqueiro das Pías como zona C debido ao empeoramento da calidade das augas, o que ten consecuencias graves para a actividade marisqueira e para o futuro económico e ambiental “dunha das rías máis castigadas pola contaminación e polo abandono institucional”. Tal e como explicou, esa contaminación é consecuencia “directa” da decisión da Xunta de deixar incompleto o saneamento integral da ría, excluíndo ao concello de Neda “malia formar parte da ría e sufrir os mesmos problemas ambientais”.
O municipio non foi incluído no proxecto de saneamento do 2010 porque o goberno do PP de entón rexeitou incorporar a súa rede ao sistema xeral de deputación, e a partir de aí a Xunta non consignou partidas suficientes nin para rematar a depuradora nin para acometer as conexións pendentes. Pola contra, Ferrol, Narón, Fene, Mugardos e Ares si contaron con financiamento autonómico e estatal para executar as súas infraestruturas. O propio Concello vén advertindo da “flagrante discriminación” á que a Administración galega somete á sua veciñanza, e por iso reclama que se salde o que considera unha “débeda pendente”
“Queremos compromisos claros, e iso son orzamentos”
Bouza insistiu en que a defensa do medio ambiente, o saneamento integral e o apoio ao sector marisqueiro “deben ser prioridades da acción pública”, polo que a Xunta “non pode seguir eludindo as súas responsabilidades, máis aínda cando as consecuencias afectan á biodiversidade mariña, á economía local e á saúde ambiental dunha ría xa sobre explotada e contaminada”.
“Pasa o tempo e non hai avances. Queremos compromisos claros, e iso son orzamentos. Os veciños e veciñas de Neda teñen os mesmos dereitos que os demais”, sinalou.