

Lara Méndez criticou que, logo de dispoñer dunha partida de 400.000 euros nos Orzamentos autonómicos de 2024, a área empresarial desapareceu dos do 2025
A deputada do PSdeG censurou a actitude do Goberno do PP, que lles pon “deberes aos concellos para dilatar e enredar” e despois incumpre
A deputada socialista Lara Méndez reclamoulle hoxe á Xunta que garanta a ampliación do polígono industrial da Pontenova. Defendeu en comisión parlamentaria que se trata dunha demanda histórica e que, ao mesmo tempo, “existe un interese real para a implantación empresarial na zona”.
Criticou, pola contra, que “o alcalde e a veciñanza coñeceron recentemente polos medios de comunicación” de que a Xunta non tiña intención de darlle continuidade á superficie industrial. Censurou tamén que o Goberno do PP se escudase nunha presunta falta de demanda e no elevado importe das obras, porque, segundo explicou, “a demanda existe”, e o prezo non pode ser un atranco “cando hai un convenio asinado”. A iso engadiu que o alcalde leva tempo agardando por unha reunión con Xestur, “que esta semana se volveu aprazar”.
“A realidade é que nin sequera se trata dunha cuestión de vontade política, trátase de legalidade”, dixo. Recordou tamén que o Concello cumpriu toda a tramitación que lle esixiu a Administración autonómica. “Que fixo o PP despois? Dar largas”, afirmou.
Méndez criticou que a Xunta incluíse nos Presupostos de 2024 unha partida de 400.000 euros destinada ao polígono para facela “desaparecer” no exercicio seguinte sen máis explicación, unha situación que se reproduce no proxecto de Presupostos para 2026, que segue neste momento o trámite parlamentario.
A deputada do PSdeG recordou que o desenvolvemento da área industrial da Pontenova comezou cunha encomenda do Concello a Xestur xa en 1992. Ante a negativa desa sociedade pública, “e por tanto, da Xunta”, de levar a cabo a finalización do plan parcial aprobado en inicio, dúas décadas despois negociouse un novo acordo entre a Administración local e Xestur para unha modificación puntual do planeamento. Ese pacto plasmouse nun convenio que contou coa aprobación do pleno municipal en xaneiro de 2016, hai case unha década, sen que ata o momento se teña materializado por parte da Xunta.
A deputada recriminoulle ao Goberno galego o seu costume de “poñerlles deberes aos concellos para dilatar e enredar” este tipo de procedementos e despois incumprir o acordado. Sinalou que se trata dunha situación especialmente grave en municipios do rural que necesitan do pulo de infraestruturas, tamén de carácter empresarial, para fixar poboación e manter servizos.