

Patricia Iglesias demandou tamén a liberación das peaxes da AG-55 ou, cando menos, a equiparación das bonificacións ás que o Estado mantén na AP-9 e na AP-53
A deputada socialista Patricia Iglesias reclamoulle hoxe á Xunta que inicie de xeito inmediato os trámites necesarios para adxudicar a construción do segundo tramo da autovía da Costa da Morte, que conecta Baio con Vimianzo e Berdoias. Na defensa dunha iniciativa no pleno do Parlamento galego, denunciou “a incoherencia” do Goberno de Rueda e “o abandono” ao que ten sometidas “dúas comarcas enteiras”: Bergantiños e a Costa da Morte.
Iglesias recordou que a veciñanza da zona “leva vinte anos esperando o que lle foi prometido reiteradamente por varios gobernos do PP” e que soporta portaxes “inxustas, discriminatorias e cada vez máis caras entre Carballo e A Coruña”.
Criticou tamén o “engano” do PP tras rescindir o contrato que adxudicara o Goberno de Touriño e impulsar unha nova licitación por 395 millóns máis. Lembrou que o procedemento acabou xudicializado porque a mellor oferta foi excluída, tras o que cesou a directora xeral de Infraestruturas e abriuse unha nova licitación en 2011. “O resultado cal foi? Que dos 42 quilómetros proxectados, só se executaron 27 porque a Xunta de Feijoo lle perdoou á empresa adxudicataria os últimos 15, cun recorte do 35 % do trazado, pero aforrando só un 17 % do custe previsto”, explicou.
Para a deputada socialista, ese é o rexumo dunha “mala xestión, falta de vontade política e converter a Costa da Morte nunha comarca de segunda”. O último treito que se abriu ao tráfico entrou en servizo en 2016, e desde entón “anuncios, proxectos redactados, partidas ridículas nos orzamentos e cero avances”.
Ao mesmo tempo, os usuarios da AG-55, a primeira parte da vía, entre A Coruña e Carballo, mantén unhas peaxes que non contan con bonificacións significativas, moi lonxe das que o Goberno central aplica á AP-9 e a AP-53, de ata un 75 % para os viaxeiros recorrentes. “Como poden vir aquí falar da autoestrada do Atlántico e da súa transferencia cando nas autoestradas que xestionan vostedes non aplican esas bonificacións?”, preguntoulles Iglesias aos deputados populares. Con ese xeito de actuar, a Xunta está creando “galegos de primeira e galegos de segunda”, advertiu.
Por iso, a parlamentaria do PSdeG demandoulle ao Goberno de Rueda “coherencia, congruencia e igualdade para os galegos e as galegas”, e “que dea exemplo” levantando as peaxes que está cobrando na AG-55 ou, cando menos, rebaixándoas “exactamente coas mesmas condicións” que ten establecidas o Ministerio de Transportes nas vías da rede estatal.
“O que non pode ser é pedir para arriba e negar para abaixo, queixarse ao Estado e cobrar portaxes abusivas na súa propia autoestrada”, dixo sobre as políticas da Xunta en materia de autoestradas. “A Costa da Morte non pide privilexios. Pide algo básico: ser tratada con respecto, con xustiza e con igualdade”, afirmou.