Elena Espinosa cualifica de “impresentable” o voto en contra do PP á proposta, que os fai cómplices do desleixo do goberno galego obrigando aos alumnos a ir con casco ás clases
A parlamentaria socialista Elena Espinosa reclamoulle hoxe á Xunta que asumas as súas competencias e leve adiante a reforma integral do CEIP Celso Emilio Ferreiro, así como o cambio da cuberta do patio do CEIP Coutada-Beade de Vigo. Espinosa cualifica de “impresentable” que o PP rexeitara esta proposta na reunión da Comisión de Economía do Parlamento que tivo lugar hoxe no Parlamento.
A responsable socialista esixiulle ao PP unha “resposta inmediata” e que o goberno asuma estas actuacións imprescindibles xa non para garantir a calidade da educación, senón por unha cuestión de seguridade dos alumnos e alumnas. Explicou que os rapaces e rapazas do Celso Emilio Ferreiro teñen que ir ás clases con casco porque o goberno galego quere forzar ao Concello a asumir estas actuacións.
Espinosa sinalou que o técnico municipal do Concello de Vigo realizou un informe no ano 2021 para atopar a orixe dunhas filtracións de auga, que apuntaban á necesidade de substituír a cuberta. A dirección do centro leva dende entón remitíndolle peticións reiteradas á Consellería de Educación, que descarga a responsabilidade no Concello, malia que este xa reparou as fendas, repuxo as tellas, e arranxou os canalóns, entre outras moitas actuacións de mantemento.
Advertiu que o Concello “non se resigna”, malia que tivera que asumir a substitución da cuberta diante do desleixo do goberno galego, que non responde nin ao centro nin ao propio alcalde para asumir unha actuación que lles corresponde a eles e da que ademais depende a seguridade dos nenos e nenas.
CEIP Coutada-Beade
Espinosa presentou tamén a situación do CEIP Coutada-Beade, que ten o patio precintado e sen posibilidade de uso para os rapaces e rapazas diante do mal estado da cuberta. Lembrou que logo dos temporais de outubro do 2024, varias chapas da cuberta saíron voando, e a Consellería de Educación respondeu ordenando unha “chapuza que non durou nin 4 días” e unha segunda reparación que “non aguantou nin 24 horas”.
Agora os pais e nais reclaman unha solución definitiva, malia o que a Xunta respondeu que a lo menos este ano non vai reparar a cuberta porque non teñen diñeiro, pero os pais e nais dos alumnos e alumnas do centro están “fartos” de que a Xunta non atenda ás súas reclamacións, que xa viñan de lonxe.