
Paloma Castro considera un “erro grave” a redución á metade nas partidas para equipamento para colaboración entre investigadores e pescadores, que recorta a capacidade de detección das biotoxinas e a resposta ante os peches marisqueiros
A portavoz de Marisqueo do Grupo Socialista, Paloma Castro, reclamou hoxe un “verdadeiro Plan estratéxico de identificación, seguimento e control das especies invasoras nas rías galegas”. Castro presentou unha pregunta oral na Comisión de Pesca diante do desleixo do goberno galego diante da chegada de especies foráneas, nas que “un pequeno atraso na resposta pode traducirse en danos ecolóxicos e económicos irreversibles”.
Sinalou que as mariscadoras e mariscadores, confrarías e informes técnicos alertan da proliferación deste tipo de especies, como a alga Rugulopteryx okamurae, o cangrexo azul, invertebrados como os chamados “sacos”, ou a “ouxa”, que se estende a Arousa, Muros, Vigo e tamén Pontevedra. Explicou que esta ría de Pontevedra ten perdido por exemplo un 34,5 por cento de volume marisqueiro só entre 2023 e 2024.
Castro reclamou un inventario oficial destas especies, así como estudos sistemáticos sobre o seu impacto no marisqueo, con seguimento e avaliación continuas a través de protocolos de monitorización e accións de control coordinadas coa participación activa do sector mariñeiro. Criticou que o goberno galego “leva anos mirando para outro lado”, con actuacións “fragmentarias, reactivas e sen coordinación efectiva co sector nin co territorio”.
Colaboración entre investigadores e pescadores
A responsable socialista cualificou hoxe de “erro grave” que o goberno galego decidira recortar á metade a partida dos Orzamentos destinada ao equipamento e colaboración entre investigadores e pescadores. Ao pasar de 100.000 a 50.000 euros nesta partida, advertiu, “recortan a capacidade de detección das biotoxinas e a resposta ante os peches marisqueiros”, co que “chegan tarde ás alertas, provocan máis días de peche e polo tanto máis perdas económicas para o sector”.
Así o dixo na comparecencia da directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro para dar conta dos programas de investigación precisamente cando o goberno galego está a caer nun “erro estratéxico” que supón a “redución da vixilancia, a prevención e a seguridade alimentaria” nun contexto de crise profunda do sector marisqueiro e pesqueiro.
Reivindicou “máis ciencia, máis diálogo e máis medios” para traballar conxuntamente co sector, mentres o goberno galego vai no sentido contrario cunha política curtopracista que “prexudica a eficacia da investigación mariña, debilita a transferencia de coñecemento e resta capacidade de resposta diante da crise ambiental e produtiva das rías galegas”.