Elena Espinosa denuncia no Parlamento que Galicia non garante hoxe o dereito á atención en saúde mental en condicións de calidade, accesibilidade e igualdade. A falta de recursos, os recortes e a mala planificación deixaron sen executar o 16% do orzamento do plan vixente, con persoal moi por debaixo da media estatal e con listas de espera disparadas, especialmente nas áreas de Lugo, A Mariña e Monforte
A deputada socialista Elena Espinosa reclamou hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia “a implementación dun plan estratéxico de saúde mental, que recolla as necesidades reais, que se base nas experiencias obtidas, que sexa participativo co persoal especializado en saúde mental e que dea resposta ás necesidades de saúde mental dos galegos e as galegas”. Espinosa presentou unha Proposición non de Lei n Pleno do Parlamento de hoxe que será votada mañá mércores.
Durante a súa intervención, Espinosa advertiu que “a día de hoxe, a Xunta de Galicia non garante o dereito ás prestacións sanitarias de saúde mental en condicións de calidade, accesibilidade e igualdade efectivas” e lembrou que “a saúde mental é recoñecida como unha prioridade de saúde pública e un dereito humano fundamental recoñecido pola Organización Mundial da Saúde”.
A deputada explicou que o plan actual naceu “baseado nun estudo epidemiolóxico do 2009” e que, segundo o Consello de Contas, presenta “brechas de equidade, sustentabilidade e eficacia na implementación”, con “atrasos significativos na contratación de persoal e a non execución de proxectos cualificados como prioritarios” debido a que “o 16% do gasto quedou sen executar”.
Espinosa denunciou que “os recursos de persoal foron un 7,59% menos dos previstos, e isto é suficientemente grave cando a cociente de psiquiatras por habitante en Galicia está moi por baixo das recomendacións da OMS, que cifra entre 13 e 15 por cada 1.000 habitantes e en Galicia estamos en 8,7”. Nese contexto, “as listas de espera para a primeira consulta aumentaron e non se sabe nada das consultas posteriores, tan necesarias para un seguimento do tratamento”.
A situación é especialmente grave nas áreas sanitarias de Lugo, A Mariña e Monforte, onde “entre o 2019 e o 2023 aumentaron nun 297%, mentres na Área de Coruña-Cee baixaron”. Espinosa advertiu que “o obxectivo que incluía o plan de saúde mental para reducir as listas de espera, só se cumpre en tres das sete áreas sanitarias”.
Ante esta realidade, o PSdeG propón, mentres non se aproba o novo plan, un Plan de Acción 2026-2027 que recolla os aspectos máis urxentes. Entre as medidas reclamadas polos socialistas, figura “a equiparación dos cocientes de profesionais da saúde mental coa media de España. Dotando o SERGAS de máis profesionais de saúde mental: máis psiquiatras, máis psicólogos, máis enfermería de saúde mental e máis traballadoras sociais”.
Así mesmo, Espinosa subliñou a necesidade de “a redución das listas de espera para primeiras consultas e para revisións sucesivas”, así como “a atención das condutas adictivas polo Sergas”, que actualmente non está debidamente integrada no sistema público.
A viceportavoz primeira do Grupo Socialista tamén destacou a importancia de “a coordinación e cooperación con Atención Primaria, para logo avanzar noutros ámbitos ata alcanzar un abordaxe integral e interdisciplinar” e de adoptar “medidas concretas para reducir a taxa de suicidio, que permita seguir baixando o suicidio infantil, pero que actúe noutras franxas de idade onde seguimos tendo taxas moi altas, que nos sitúan como a segunda CCAA con taxas de suicidios máis altas”.
Espinosa pechou a súa intervención apelando ao consenso parlamentario, como o que se alcanzou no ano 2021: “Hoxe esperamos que ningún grupo lle dea as costas ao 27% da poboación que necesita máis saúde mental pública”.