A deputada Silvia Longueira reúnese con representantes do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia e demanda á Xunta que active xa unha mesa de diálogo con concellos e colexios profesionais
A deputada socialista Silvia Longueira mantivo esta tarde unha xuntanza con representantes do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia para analizar a situación de risco á que se enfrontan a diario as profesionais do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e trasladarlles o apoio e compromiso do Grupo Socialista cun cambio inmediato na normativa. No encontro participaron a presidenta do colexio, Míriam Rodríguez; a vicepresidenta, Ana Vilar, e o coordinador da entidade, David Gontán.
“O que pasou no Porriño foi un crime que se puido evitar, pero o máis preocupante é que non foi un feito illado”, advertiu Longueira. Segundo explicou, as traballadoras levan anos alertando da falta de protección que sofren: entran soas nos domicilios, en moitas ocasións sen información previa, e mesmo cando detectan situacións de risco deben continuar co servizo ata recibir indicacións por parte da administración.
A normativa vixente –a Orde do 22 de xaneiro de 2009, que regula o servizo de axuda a domicilio en Galicia– establece que a prestación do servizo debe adaptarse ao programa individual de atención da persoa usuaria, e que calquera modificación ou extinción dese programa debe ser notificada ao órgano competente da Xunta. A decisión final sobre suspensións recae, por tanto, na Consellería de Política Social, a través da súa Inspección de Servizos Sociais. Os concellos, aínda que son titulares do servizo, non teñen potestade para actuar de forma autónoma ante situacións urxentes, polo menos nos casos vencellados á dependencia.
Por iso, o PSdeG presentará unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia para promover a modificación da normativa e habilitar ferramentas que permitan actuar de forma inmediata ante situacións de perigo. “Non é razoable que teñan que continuar prestando un servizo cando hai sinais evidentes de risco. É unha cuestión de seguridade e tamén de dignidade profesional”, sinalou Longueira.
A deputada socialista demanda á Xunta que active xa unha mesa de diálogo coa participación dos concellos e dos colexios profesionais para revisar o funcionamento do servizo e establecer un novo protocolo máis áxil e eficaz. “A coordinación entre administracións é clave, pero tamén o recoñecemento da experiencia e das demandas das profesionais, que deben participar directamente na elaboración das solucións”, sinalou.