
Carmen Rodríguez Dacosta denunciou a “irresponsabilidade” da Xunta, que non substitúe a incubadora avariada e obriga a trasladar os partos a 120 quilómetros de distancia
A deputada do PSdeG alertou de que o hospital sofre un déficit crónico de profesionais sanitarios e as listas de espera están “disparadas”, con casos de máis dun ano de agarda para unha ecografía ou unha cita na unidade da dor
“A hospitalización a domicilio está infradotada, non hai ambulancia de soporte vital avanzado e non hai base do 061”, sumou ás graves eivas que motivaron a protesta de 5.000 persoas nas rúas a pasada fin de semana
“Cando unha comarca se sente maltratada, ve que os seus dereitos básicos se dilúen e a sanidade pública deixa de responder, a xente sae á rúa”. A deputada socialista Carmen Rodríguez Dacosta resumiu así o que aconteceu no Barco o pasado sábado, cando 5.000 persoas se manifestaron en defensa do seu hospital. “Valdeorras non aguanta máis, non acepta ser tratada coma unha comarca de segunda e reclama dignidade”, asegurou durante a defensa dunha iniciativa a través da que o Grupo do PSdeG no Parlamento de Galicia reclama a inmediata reposición da única incubadora de traslado neonatal do hospital, que está avariada, o restablecemento urxente da actividade asistencial do servizo de partos e o reforzo dos recursos humanos e materiais para garantir a continuidade e calidade dos servizos, “en particular dos de pediatría, obstetricia e urxencias”.
Dacosta cualificou de “irresponsabilidade” por parte da Xunta o caso da incubadora. Explicou que, despois de que fallara, tardáronse seis días en revisala, sen que servise de nada, porque ante a persistencia do problema o persoal descartou utilizala “por falta de garantías”. A situación é aínda máis grave se se ten en conta que o Hospital Comarcal de Valdeorras “tiña dúas incubadoras e unha foi enviada a Verín hai dous anos, sen que se repuxese”. Ademais, tras a última avaría, “cando se buscou unha incubadora de substitución, non había dispoñibilidade en toda Galicia”. Por iso, Rodríguez Dacosta criticou que “non é un accidente técnico”.
Por outra banda, a deputada socialista incidiu sobre outros “datos que doen”. Por exemplo, os referidos ao persoal. Repasou o descenso de profesionais en servizos coma o de medicina interna, no que debera haber 10 e só traballan 6; o de urxencias, con 9 prazas cubertas sobre 11; cirurxía xeral, con 1 de 3; radioloxía, onde hai 2 profesionais de 4, aínda que “durante meses só houbo 1”; traumatoloxía (2 de 3), ou medicina preventiva, cuxa praza está vacante. “Isto non é puntual. En decembro de 204 marcharon 13 especialistas; en febreiro deste ano marcharon un radiólogo e dous traumatólogos, e en 2026 volverá o correr se nada cambia”, sinalou.
Unha das consecuencias, segundo apuntou, son “listas de espera disparadas”, con 87,5 días de agarda media para un especialista, 140 no caso de oftalmoloxía e 170 para unha ecografía abdominal. “Hai probas oncolóxicas que non está listas cando paciente chega á consulta, desaparecen citas dos buzóns, reclamacións respondidas en branco, familias que teñen que viaxar a Ourense, con entre 7 e 8 horas entre ida, espera e volta…”, relatou sobre unha situación que “non é normal”.
“Hai dous casos que non admiten maquillaxe —asegurou—: unha paciente do Barco cunha ecografía mamaria solicitada polo especialista o 3 de decembro de 2024, e que hoxe, máis dun ano despois, segue sen cita; e unha derivación á unidade da dor 21 de agosto de 2024 que ten cita para o 12 de decembro de 2025, máis de 15 meses de espera para aliviar dor crónica…”. “Este é o modelo sanitario que vostedes defenden?”, preguntoulles aos populares.
Carmen Rodríguez Dacosta criticou tamén que a Xunta “leva anos negándose a crear unha praza de pneumoloxía” pese a que a comarca ten unha alta incidencia de silicose. “Non é un capricho”, remarcou. Ademais, “a hospitalización a domicilio está infradotada, non hai ambulancia de soporte vital avanzado e non hai base do 061”, engadiu ás graves eivas que motivaron a protesta de milleiros de persoas nas rúas do Barco a pasada fin de semana.