Carmen R. Dacosta acusa a PP e Xunta de estar “resignados ao lume” cunha política baseada na improvisación e urxe facer unha “revisión completa” do dispositivo de prevención e extinción
A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, propuxo o deseño de plans de autoprotección e evacuación para as aldeas en zonas de risco de incendios forestais. Dacosta presentou unha moción no Pleno do Parlamento para reclamar unha revisión completa do modelo de prevención, que deben de poñer en marcha antes do mes de xullo, cando xa é demasiado tarde, pero que foi rexeitada polo PP.
A responsable socialista reclamou que tomen exemplo dos uns plans de autoprotección para aldeas en risco logo dos incendios de 2002 no Courel, nos que foron evacuadas máis de 1.400 persoas de 80 núcleos de poboación. Alertou da necesidade de contar con rutas seguras, puntos de encontro de sinalizados e medios de comunicación coordinados.
Explicou que os plans deben ser deseñados en colaboración cos concellos, os servizos de emerxencia e a cidadanía, que inclúan unha análise de risco, identificación de rutas de evacuación, zonas seguras, protocolos de aviso, medios dispoñibles e simulacros reais.
Para iso cumpre presentar un Plan marco no Parlamento nun prazo de 6 meses como instrumento para “homoxeneizar criterios e garantir que non quede ningunha zona desprotexida”. Sinalou que Galicia merece unha política forestal digna, que non chegue tarde, que non abandone o territorio, baseada na prevención real, a planificaión con rigor, a implicación da cidadanía e o fortalecemento dos servizos públicos”.
Dacosta acusou ao PP de “resignarse ao lume” forestal dende o goberno galego. Así o dixo logo de que os de Rueda rexeitaran a moción que presentou hoxe no Pleno do Parlamento para esixir unha “revisión completa” do modelo de prevención, que debe de poñerse en marcha antes de xullo e aplicar plans de autoprotección e evacuación para as aldeas en risco.
Propaganda estacional e improvisación crónica
A responsable socialista dixo que Galicia “merece algo máis que propaganda estacional e improvisación crónica” por parte dun PP e un goberno que “negan a realidade” e continúan deixando de lado a prevención e planificación fronte aos lumes Ata que é demasiado tarde. Urxiu a “cambiar de paradigma, porque se non nos adaptamos quedaremos indefensos” ante os lumes de nova xeración que “superan as capacidades de extincións convencionais”.
Os medios de extinción están actualmente “indefensos” polo desleixo do goberno galego, que carece dunha estratexia específica fronte á nova realidade, sen formación específica, protocolos adaptados nin mapas de combustible actualizados”. Dixo que “non podemos seguir improvisando”, e urxiu a identificar áreas onde o cambio climático, a acumulación de biomasa e o abandono do territorio provocan as condicións perfectas para os lumes extremos.
Por iso reclamou “apagar os incendios no inverno” adiantando a limpeza de pistas, faixas secundarias, cortalumes, rozas e creación de discontinuidades de combustible a partir de mapas de risco actualizados. Propuxo unha estratexia galega específica fronte aos incendios de nova xeración e un Plan de educación ambiental e concienciación cidadá, así como actualizar o dispositivo de prevención e extinción cunha estrutura pública, profesional e estable.