Patricia Iglesias e Aitor Bouza denuncian que a Xunta négase a entregar os expedientes de RdG e a Sociedade Impulsa e impide facer copias aos expedientes dos 170.000 euros pagados á empresa de Montoro entre 2009 e 2011
Sinalan que o goberno galego pagoulle a Montoro para facer un PowerPoint de 27 páxinas sobre a fusión das caixas “sen valor técnico empregado para xustificar un desastre financeiro para Galicia”
A portavoz de Transparencia do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, reclamou o amparo da Presidencia do Parlamento polo “veto informativo ordenado por Rueda” aos expedientes das sociedades Impulsa Galicia e Recursos de Galicia. Iglesias e Aitor Bouza compareceron hoxe en rolda de prensa para denunciar o “silencio, trabas e desprezo ao Parlamento por parte do Executivo autonómico e o patrón “baseado na opacidade, o clientelismo e a falla de rendición de contas”.
Iglesias reclamoulle ao goberno galego o “memorando secreto” asinado entre o responsable de Altri e o daquela conselleiro de Industria Francisco Conde como presidente da sociedade Impulsa Galicia. Aquela entidade supuxo “unha chanchullada que naceu e desapareceu no máis absoluto escurantismo” para dar paso á Sociedade público privada Recursos de Galicia -RdG-, creada “para substituír á política pública dos nosos recursos naturais”.
Denunciou que o goberno galego negouse ata en 9 ocasións a entregar os expedientes de creación desta empresa coa xustificación de que é unha entidade privada pero na que, puntualizou, a Xunta é socio maioritario, forma parte do órgano de goberno e ademais ten dereito de voto. Iglesias esixiu a documentación que o goberno galego ten que entregar, como ten ratificado o Consello de Contas, porque “un só euro público xustifica que teñan que render contas”.
170.000 euros á empresa de Montoro
Iglesias criticou a “política de amiguetes” do PP, cando Rueda “ordena que non se rendan contas do fracaso da Sociedade Impulsa e que siga a opacidade da sociedade RdG” e mesmo cando decreta o” veto informativo nos contratos a dedo adxudicados coa empresa de Montoro”. O parlamentario Aitor Bouza explicou que a Xunta pagoulle máis de 170.000 euros á empresa Equipo Económico, fundada polo ex ministro do PP Cristóbal Montoro entre 2009 e 2011.
Bouza salientou que entre os contratos pagados á empresa figura un PowerPoint de 27 páxinas sobre a fusión das caixas galegas “sen valor técnico, usado para xustificar unha operación que Feijóo vendeu como un éxito e acabou sendo un desastre financeiro para Galicia”. Revelou que os socialistas galegos puideron accede a consultar os expedientes nas instalacións da Xunta logo de meses reclamando a información, pero “non nos permitiron facer copias”.
Criticou o trato “intolerable” prestado polo goberno galego na súa liña de “opacidade e desprezo absoluto ao control parlamentario” para entorpecer o traballo dos deputados autonómicos. Criticou o intento de agochar que o executivo autonómico empregou fondos públicos para “favorecer a unha empresa amiga vencellada a un ex ministro do PP, nun exemplo claro de clientelismo político e portas xiratorias”.
Entre aqueles anos, coincidindo coa chegada de Feijóo á presidencia da Xunta, encargáronlle á consultora “unha serie de informes de contido xenérico, sen referencia ningunha á realidade galega e sen utilidade práctica”. Acusou ao PP de empregar cartos públicos para xustificar o pago “a prezo de ouro” dunha documentación que “podería elaborar calquera departamento da Administración”.