
Paloma Castro propón un Plan de impulso ao deporte feminino cun mínimo de 1,5 millóns de euros para garantir que as mulleres “ocupemos o espazo que nos pertence”
A portavoz de Deporte do Grupo Socialista, Paloma Castro, reclamoulle hoxe á Xunta que poña enriba da mesa axudas económicas directas para garantir o acceso universal ao deporte. Castro interveu na comparecencia do secretario xeral para o Deporte na Comisión Institucional do Parlamento, a quen lle reclamou apoio para que ningún menor teña que renunciar á práctica deportiva por motivos económicos.
A responsable socialista esixiu o recoñecemento do deporte “como un dereito esencial para toda a cidadanía”, polo que a administración autonómica debe ter a obriga de garantir o acceso ao exercicio físico en condicións de igualdade, seguridade e dignidade. Advertiu que a falla de recursos provoca a “exclusión silenciosa” de moitos rapaces ou rapazas do sistema deportivo, impedindo o seu acceso a unha ferramenta de integración social fundamental.
Castro propuxo unha liña de axudas directas para familias empadroadas en Galicia, con límites de renda e por número de menores federados por familia fixados pola Xunta, pero que cubran total ou parcialmente os gastos de material deportivo ou cotas de inscrición. Reclamou apoio para sortear uns gastos que poden supoñer entre 300 e 500 euros por menor federado, segundo a práctica deportiva, que en moitos casos supoñen un obstáculo insuperable sen axuda pública.
Igualdade no deporte
A parlamentaria socialista reclamou un Plan de Impulso do deporte feminino cunha partida mínima de 1,5 millóns de euros co obxectivo de que as mulleres “ocupemos o espazo que nos pertence” tamén na práctica deportiva. Esta medida, que foi presentada polo Grupo Socialista como emenda aos orzamentos, e foi rexeitada polo PP, permitiría cumprir coas obrigas que fixa a Lei de Igualdade de Galicia.
Advertiu da falla de presenza feminina no deporte federado, xa que son tan só o 23,5 por cento dos 300.000 deportistas federados en Galicia, e emprazou a abrir o espazo para impulsar a presenza equilibrada de mulleres tamén nos órganos de goberno. Tamén reclamou a creación e adaptación de infraestruturas e servizos para promover o acceso igualitario á práctica deportiva, así como a formación específica do persoal técnico – deportivo.
Castro chamou a potenciar a imaxe da muller no deporte a través nos medios de comunicación, impulsando un Plan de igualdade nos medios públicos de comunicación que garanta maior visibilidade das competicións deportivas e formar aos redactores e redactoras da sección de deportes en materia de igualdade para que inclúan unha perspectiva de xénero nas informacións.
Condicións meteorolóxicas
Castro emprazou ao director xeral a coordinarse coa dirección xeral de Emerxencias para garantir a seguridade na práctica de deportes acuáticos dentro das rías en condicións de mal tempo relativo por parte de persoas federadas en disciplinas como surf, vela ou piragüismo. Tamén urxiu á posta en marcha dun Plan estratéxico de infraestruturas deportivas para garantir unhas instalacións modernas e especializadas en Galicia.