
Silvia Longueira alerta de que a comida é “intragable” porque chega “ou con mal olor, ou mal cociñada ou é imposible de masticar”
A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Silvia Longueira, vén de presentar unha batería de iniciativas parlamentarias nas que reclama a suspensión do servizo de cátering contratado pola Xunta nas residencias que integran o Consorcio Galego de Benestar porque resulta “intragable”. Longueira reclama a habililtación de persoal cualificado de cociña que ofreza menús de calidade.
A responsable socialista alerta de que os usuarios das residencias sinalan que non poden nin comer os menús porque “ou ben teñen mal olor, ou están mal cociñados ou é imposible masticar” a comida pola decisión do goberno galego de optar por cáterings precociñados de baixa calidade no canto de utilizar as cociñas propias das que dispoñen estas residencias.
Os usuarios coinciden en asegurar que están obrigados a alimentarse dos almorzos e merendas nos que a froita, iogur e galletas é o menú básico repetido diariamente, e “realmente é o único que poden inxerir sen que lles produza rexeitamento”.
Explicou que os propios residentes e o escaso persoal que os atende son os que trasladan de forma xeneralizada estas valoracións, que están a ver cada día a baixa calidade duns menús que “chegan precociñados, conxelados ou presurizados” por un custe que rolda o euro.
Longueira presentou esta batería de propostas logo de que as persoas afectadas trasladaran as queixas á Valedora do Pobo, convocaran concentracións sociais de protesta e se desprazaran ata o Parlamento de Galicia, sen que o goberno galego accedera a mudar a situación.