

Patricia Iglesias sinala que “Galicia merece un proxecto de país, non un manual de instrucións de Génova”
A portavoz de Economía do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, reclamou hoxe a retirada da Lei de Acompañamento aos Orzamentos da Xunta coa que o PP modifica máis de 30 leis “pola porta de atrás” nun só debate “sen informes, sen participación, sen luz nin taquígrafos”. Iglesias advertiu que este texto é “unha fotografía do fracaso do PP” e remachou que “Galicia merece un proxecto de país, non un manual de instrucións de Génova”.
A responsable socialista interveu no debate final desta Lei que foi aprobada cos votos en contra do PSdeG fronte a un texto que cualificou de “chapuza” como resume a “autoemenda parche” á “suposta” moratoria do eucalipto, que o PP presentou fóra de prazo. Criticou que teñan presentado unha autoemenda para “corrixir os seus propios erros, e nin así arranxan o fondo do problema”, e advertiu que “Galicia non é un experimento do PP, é un país con dereito a un futuro mellor”.
Explicou que a norma inclúe a décimo cuarta modificación da Lei que regula a enerxía eólica, que “teñen que reescribir cada ano” sen dar resolto a inseguridade xurídica que provoca 90 proxectos paralizados, o conflito social e a falta de retorno dos investimentos ao territorio. Acusounos de perpetrar un “retroceso gravísimo, irrespnsable e perigoso” no patrimonio cultural, ao reducir a protección trasladando a responsabilidade a uns concellos que non teñen medios nin persoal.
Iglesias sinalou finalmente que a norma ofrece un “modelo roto” en canto ao emprego público e á administración local, con concursos atrasados e abuso das comisións de servizo, ofrecendo unha improvisación constante e concellos asfixiados co obxectivo de conseguir “máis control político e menos autonomía municipal”. Resumiu que a Lei “non resolve a vivenda, a sanidade, a Dependencia, o emprego público, o financiamento municipal, o modelo eólico nin o territorio”.
A responsable socialista criticou o modelo fiscal do PP “regresivo, incoherente e antisocial”, que “baixa impostos para uns poucos e hipoteca á maioría”, xa que o 96 por cento da poboación non recibe “ningún beneficio das súas rebaixas” mentres Galicia deixará de ingresar 793millośn de euros, ao tempo que se permiten rexeitar 4.000 millóns de quita da débeda que ofrece o Estado.
O Grupo Socialista presentou máis de 80 emendas “rigorosas” para garantir unha fiscalidade progresiva, un modelo eólico ordenado, protección do patrimonio, vivenda pública real, reforzo de servizos sociais, mellora da seguridade xurídica e transparencia institucional. Apuntou que “Galicia merece máis, merece un futuro que non deixe a ninguén atrás”, fronte a un goberno que presenta unha Lei que quebra o debate parlamentario e que está concibida “ao servizo do PP, non de Galicia”.