Paloma Castro apunta a unha “utilización fraudulenta da institución” logo dunha sentenza que acredita que evitou investigar o suposto reparto do mercado de transporte de viaxeiros por estrada
A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Paloma Castro, reclamou hoxe a renovación do Consello Galego da Competencia logo de que a sentenza do TSXG coñecida esta semana puxera en cuestión a súa imparcialidade. Castro sinala que a sentenza acredita “trato de favor a determinadas empresas co fin de que se repartan o mercado dos transportes” e invalida a súa actuación.
Castro reclamoulle ao goberno galego que “depure responsabilidades” logo desta sentenza que “reflicte claramente a política de amiguismos que o PP leva unha década practicando”. Apunta que o pronunciamento do Tribunal Superior de Xustiza demostra “a parcialidade do órgano e o seu facer en contra da Lei de Defensa da Competencia”, polo que “non podemos poñer ao raposo a coidar do galiñeiro”.
Engade que “non chega con cumprir a sentenza e iniciar agora o expediente sancionador” que Competencia deixou deliberadamente sen iniciar porque “a imparcialidade do organismo está en cuestión”. Sinala que “o mínimo que tería que facer este goberno era asumir responsabilidades, porque senón o que está a demostrar é que a conivencia era certa”.
A sentenza proba a vulneración da Lei de Defensa da Competencia por parte deste órgano, que arquivou o procedemento “sen incoar expediente sancionador” derivado da denuncia do reparto do mercado do transporte de viaxeiros por estrada, que deixou “sen realizar a comprobación dos feitos denunciados cando existían indicios racionais de infracción”.
Lembra que un organismo como a Comisión Galega da Competencia “debera ser esencial para que o sistema de mercado contribúa ao benestar dos consumidores e á eficiencia xeral da economía, eliminando as condutas das empresas que vulneran a competencia libre e leal”. Sen embargo a súa actuación foi a contraria, incumprindo a súa obriga e facendo un “suposto fraude de Lei”.
Puntualizou que “en democracia non todo da o mesmo”, antes de sinalar que “hai cousas que valen e outras que directamente son antivalores”, e lamentou que “condutas como esta son as que fan que a sociedade estea cada día máis escéptica co funcionamento democrático das institucións e coa xestión política.