Lara Méndez alertou de que desde que o PP decidiu “arrebatarlla” agraváronse problemas como listas de espera “de máis de dez meses”, o déficit de persoal ou a falta de determinados servizos, o que obriga aos pacientes a trasladarse a Lugo
A deputada do PSdeG defendeu unha iniciativa que ten como obxectivo “garantir unha atención de calidade a toda a poboación”, con facultade plena de xestión dos recursos e autonomía “para acadar unha maior eficiencia e eficacia”
Lara Méndez reclamou hoxe no pleno do Parlamento de Galicia que A Mariña recupere a área sanitaria que a Xunta do PP “lle arrebatou” en 2017. A deputada do PSdeG criticou, ademais da situación na que se atopan os centros de saúde e a atención primaria na zona, as condicións do hospital de Burela, que “nunca antes estivera peor que agora”. Segundo denunciou, na última década reproducíronse e agraváronse problemas como o déficit de especialistas, os atrasos nas consultas, os incrementos das listas de espera, “que nalgúns casos superan os dez meses”, ou, directamente, a carencia dalgúns servizos. Seguimentos que poderían realizarse de xeito ambulante acaban agora en ingresos ou derivacións a centros privados, alertou.
O servizo de saúde atópase, nesa comarca, “baixo mínimos”, unha situación que “repercute na saúde da xente”. Por iso, cualificou de “intolerable” que o conselleiro dixese “sen ruborizarse” que as persoas que saen á rúa a reclamar os seus dereitos estean “politizadas”. Censurou tamén que o pasado marzo, mentres a veciñanza de manifestaba en Viveiro en defensa da sanidade, o PP “marcábase un Mazón”, cun xantar de cargos do partido na mesma localidade.
Representantes do persoal do centro hospitalario e da veciñanza asistiron ao debate desde a tribuna de invitados do Parlamento na compaña da alcaldesa de Burela, Carmela López. Méndez recoñeceu publicamente o labor que desenvolven os sanitarios e sanitarias. “Grazas polo traballo inxente que estades a realizar aínda a costa da vosa propia saúde”, dixo, e insistiu en que a sanidade da Mariña funciona “sen materiais, sen infraestruturas, sen recursos económicos e co persoal exhausto”.
A iniciativa que defendeu a tamén viceportavoz segunda do Grupo Socialista recorda que xa no verán de 2017 tanto o persoal do hospital mariñán coma alcaldesas e alcaldes, xunto coa veciñanza, rexeitaron a reforma da Lei de Saúde, que incluía a eliminación da área sanitaria. As súas protestas non serviron de nada, xa que antes de que rematara o ano materializouse a devandita supresión.
Mais si se demostrou, tal como remarcou Lara Méndez, que a inclusión da Mariña no distrito sanitario de Lugo provocou un deterioro na sanidade pública nunca comarca na que viven máis de 70.000 persoas, e onde se acentuaron os recortes e o menoscabo da calidade asistencial. Así, desde entón, obrígase a moitos mariñáns e mariñás a percorrer máis de cen quilómetros para recibir atención en especialidades das que se podería pasar consulta no hospital de Burela se non se minorasen os recursos sanitarios e humanos.
Os recortes dos gobernos de Feijoo e Rueda levaron a unha incapacidade para cubrir as necesidades da poboación da Mariña en materia sanitaria, tal como vén denunciando a xunta de persoal. Porén, en lugar de buscar solucións, o Goberno do PP optou por desviar a atención do problema atribuíndo as concentracións que se producen diante do hospital a unha cuestión de orde política, “cando en realidade esas manifestacións o que perseguen é mellorar a sanidade pública”.
Méndez advertiu que as diferenzas entre os recursos que manexan os profesionais en función do centro hospitalario no que traballan están a “agudizar a desigualdade no acceso á sanidade”. E que esas diferenzas segundo o lugar de residencia dos pacientes crea unha división entre “cidadáns de primeira e de segunda” en función “do seu código postal”.