Elena Espinosa propón aumentar as comparecencias do Consello de Contas, a rendición de contas e a transparencia no Parlamento
Sinala que o último informe alerta de que 1 de cada 2 euros de subvencións da Xunta son repartidos “a dedo”, de forma directa e sen concorrencia pública
A portavoz do Grupo Socialista na Comisión do Consello de Contas, Elena Espinosa, propuxo hoxe a reforma desta Comisión para impedir o debate acumulado de informes nunha única sesión anual, como está a impoñer agora o PP para “silenciar ao ente fiscalizador”. Así o dixo durante a comparecencia do conselleiro maior do Consello de Contas para presentar de forma acumulada os informes de fiscalización de 2022 e 2023, as contabilidades electorais das eleccións de 2024 e o Plan de traballo de 2025.
A responsable socialista criticou que con esta práctica “o bo traballo do Consello de Contas perde valor, perde interese ante á cidadanía e é unha escusa para que o PP diga que o contido dos informes está superado, como fixo coa auditoría das actuacións e programas no ámbito da saúde mental”. Reclamou “darlle valor á rendición de contas e darlle importancia aos órganos estatutarios de control externo” e que Contas poida Cumprir co seu labor”.
Acusou ao PP de “debilitar o labor de control” e polo tanto “debilitar a democracia, actuando en interese propio e contribuíndo á falta de transparencia”. Sinalou que nunha única sesión como a de hoxe os grupos parlamentarios só contan con 10 minutos para debater unha batería de informes que suman 5.096 páxinas nunha comparecencia que tarda unha media de 237 días en producirse dende que estes son presentados, e que ademais acumulan un retraso máximo de 431 días.
Espinosa propuxo seguir o exemplo de autonomías como Cataluña ou Andalucía, que xa levan 3 e 7 comparecencias dos seus respectivos consellos de contas. Os socialistas presentaron así unha proposta para modificar as normas de funcionamento da Comisión e que os informes de fiscalización selectiva sexan debatidos nun prazo máximo dun mes dende que son remitidos, cun límite de 3 informes acumulados en cada debate.
Subvencións a dedo
A responsable socialista acusou ao PP de impedir que o Parlamento “analice como merecen os informes de fiscalización” e agochar as prácticas financeiras irregulares do goberno galego que está a poñer negro sobre branco o Consello de Contas. Neste sentido, subliñou que o informe correspondente ao ano 2022 sinala que a Xunta asigna 1 de cada 2 euros de subvencións “a dedo, de forma directa e sen concorrencia pública”.
Este mesmo goberno, dixo, fai que 1 de cada 5 euros que corresponden a contratacións públicas son asignados de forma directa e polo tanto “sen concorrencia e competencia entre licitadores”. Este informe revela ademais que o Executivo continúa a desprazar gastos dun ano para outro e que imputa de forma incorrecta o 35 por cento dos castos de investimento, que en realidade corresponden a gasto corrente e polo tanto “ofrecen unha imaxe irreal de esforzo investidor”.
O informe revela, dixo, que na conta do ano 2023 aparece unha operación de 119 millóns de euros de activos financeiros destinados a cubrir o déficit de explotación da CRTVG que debería rexistrarse como gasto non financeiro, mentres o Sergas “segue sen ter un sistema integral de contabilidade”. Prácticas escuras que, dixo, non sorprenden por parte dun goberno que neste momento só aplica de forma total ou parcial o 35 por cento das recomendacións do Consello de Contas.