

A viceportavoz dos socialistas na Cámara galega lembrou que o PSdeG leva toda a lexislatura trasladando ao Parlamento de Galicia os problemas que máis preocupan á sociedade: “vivenda, sanidade, educación, políticas sociais e Dependencia”. Engadiu que “a quen non parecen preocuparlle é ao presidente da Xunta, que semana tras semana ignora as peticións que lle facemos
A viceportavoz do Grupo Parlamentario Socialista, Elena Espinosa, compareceu tras a Xunta de Portavoces para informar das iniciativas que o PSdeG levará ao Pleno da vindeira semana. Antes de detallar a axenda parlamentaria, realizou unha reflexión co motivo do 25N.
Espinosa subliñou que “o negacionismo mata”, advertindo de que quen cuestiona ou minimiza a violencia machista “está deixando máis soas ás vítimas e dándolle aire aos agresores”. Lembrou que a violencia machista “é real, está aquí, e non desaparece cambiándolle o nome”, e reclamou “compromiso firme das institucións, sen discursos que retroceden en dereitos nin en protección”.
Neste contexto, valorou tamén a proposta de Teresa Peramoto como fiscal xeral do Estado, cualificándoa como “impecable”. Destacou a súa traxectoria “sólida, rigorosa e independente”, así como a súa ampla experiencia na protección das vítimas de violencia machista, “especialmente significativa neste 25N”. Afirmou que Peramoto “é unha profesional respectada e plenamente preparada para asumir con solvencia a Fiscalía Xeral do Estado”.
As prioridades parlamentarias do PSdeG
En relación coa actividade parlamentaria, Espinosa explicou que a pregunta ao presidente por parte do portavoz socialista, José Ramón Gómez Besteiro, abordará “as profundas eivas na xestión dos piares do Estado do Benestar por parte do goberno galego, que están a provocar unha mobilización constante da cidadanía”.
A viceportavoz dos socialistas na Cámara galega lembrou que o PSdeG leva toda a lexislatura trasladando ao Parlamento de Galicia os problemas que máis preocupan á sociedade: “vivenda, sanidade, educación, políticas sociais e Dependencia”. Engadiu que “a quen non parecen preocuparlle é ao presidente da Xunta, que semana tras semana ignora as peticións que lle facemos dende o Parlamento e que a cidadanía reclama dende as rúas”. Espinosa garantiu que o PSdeG “seguirá insistindo ata que sexa necesario”.
Sanidade: Atención Primaria e Valdeorras
O PSdeG defenderá unha moción centrada no reforzo da Atención Primaria e na redución das listas de espera, que Espinosa definiu como “as máis graves da historia de Galicia e absolutamente inasumibles para a cidadanía”.
Ademais, presentarán unha proposición non de Lei para asegurar a continuidade e calidade asistencial nos servizos de pediatría, obstetricia e urxencias do Hospital de Valdeorras, tras a ampla mobilización social rexistrada esta fin de semana.
Outra proposición non de Lei estará dirixida a garantir nos centros públicos a dotación necesaria de profesorado de apoio, especialmente nas especialidades de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe.
Avaliación ambiental e Plans Industriais Estratéxicos
O grupo socialista formulará tamén unha Interpelación sobre as deficiencias da Xunta na avaliación do impacto ambiental e socioeconómico na tramitación dos Plans Industriais Estratéxicos.
Competencias impropias e vivenda
Así mesmo, levarán ao Pleno unha pregunta urxente sobre a constante delegación de competencias da Xunta aos concellos sen a correspondente dotación orzamentaria, unha práctica que está a saturar aos municipios e a dificultar a prestación adecuada de servizos públicos.
Finalmente, presentarán dúas preguntas adicionais relacionadas con problemas de xestión en ámbitos locais: unha sobre as deficiencias na prestación do servizo de autobús na liña Carballo – A Coruña, e outra en materia de vivenda, reclamando que a Xunta impulse un convenio entre o Concello de Foz e o IGVS para construír vivenda de alugueiro social nunha parcela xa posta a disposición polo municipio.