Lara Méndez critica a “falla de recursos e mala xestión e planificación” do goberno galego, que carece de política de relevo xeracional cando 2 de cada 3 gandeiros xubilaranse en 10 anos
Advirte que o desastre de xestión do PP provocou que o 70 por cento das solicitudes da PAC do ano 2024 quedaran fora das axudas
A portavoz de Agricultura e Gandaría do Grupo Socialista, Lara Méndez, advertiu hoxe que o apoio do PP ao rural galego dende o goberno galego queda reducido a “un slogan bonito e baleiro”. Méndez respondeu á comparecencia da conselleira do Medio Rural no Pleno do Parlamento alertando da “falla de recursos e mala xestión e planificación” fronte aos problemas do sector.
Como mostra sinalou á “case nula política de relevo xeracional” por parte do goberno galego, que non está a facer nada malia que nos próximos 10 anos xubilaranse 2 de cada 3 gandeiros e gandeiras, co previsible peche de explotacións. Sinalou que a falla de apoio do goberno galego e a eliminación de servizos públicos no rural fan que vivir neste entorno sexa un “acto heroico”.
Explicou ademais que o 75 por cento dos recursos de mellora das explotacións proceden da PAC, o desastre da xestión do PP provocou que o 70 por cento das solicitudes da Política Agraria Común do ano 2024 quedaran fora das axudas.
Afeoulles que en cada Consello da Xunta se dediquen a “parchear” para intentar rectificar as súas propias meteduras de pata, o que fai que “retrasen as inversións, e aumente o medo á incerteza da eficiencia das explotacións. O mesmo sucede co sector do viño, sinaladamente o da Ribeira Sacra, que trata de sobrevivir a pesares do “nulo compromiso” da Xunta diante das perdas millonarias polas condicións climatolóxicas.
Advertiu que o “desleixo” do PP dende o goberno galego provocou a anulación de preto de 7.000 carnés de fitosanitarios formados en Galicia, en plena campaña de tratamentos fundamentais para cultivos de alta esixencia como a viticultura, as forraxes ou a pataca, que obriga ao goberno galego a “volver improvisar e utilizar o Consello da Xunta para parchear solucións”.
Méndez esixiu “servizos dignos, oportunidades económicas reais, innovación e calidade ambiental” apoiando o factor diferencial do rural galego, así como unha política eficaz de fomento do emprego e oportunidades económicas, cunha liña de actuacións que permitan atraer e manter poboación ao sector. Reivindicou un rural “atractivo onde emprender e teletraballar”, para o que resulta imprescindible a mellora dos servizos básicos e unhas comunicacións á altura do século XXI.
Corrupción estrutural do PP
A responsable socialista sinalou o “problema estrutural” da corrupción no PP, que si que foron condenados por financiamento irregular e aínda teñen 28 casos pendentes de sentenza, o que demostra que “mentres uns premian, nós expulsamos” aos afectados. Engadiu que “mentres uns machacan ordenadores” para eliminar probas, os socialistas “cambiamos as contas para que non se poidan agochar datos que oculten a verdade”.
Esixiulle ao PP que non dea “ningunha lección” sobre o tratamento da corrupción porque eles “a premian”, en alusión á líder do PP de Lugo, Elena Candia, que logo de levar ao xulgado os anónimos que provocaron a Operación Pulpo foi premiada coa vicepresidencia do Parlamento. Lembrou que aquela causa, que se estendeu durante 12 anos, pechouse definitivamente esta semana e “quedou absolutamente en nada, e a única persoa sancionada no proceso foi a xuíza”.
Reclamoulle precisamente á vicepresidenta do Parlamento que “pida perdón” e “non só a José Ramón Gómez Besteiro, senón a ducias de funcionarios implicados inxustamente cun dano persoal terrorífico e familiar” cun caso que lle fixo “dano á cidade e á provincia” para quedar “en nada”.