
O senador galego César Mogo explicou que, tras a sucesión de temporais que impediron executar as obras, o Goberno está preparado para realizalas
“Cando se debate sobre unha necesidade real, os socialistas sumámonos e acordamos, porque se trata de dar resposta a problemas”, asegurou
O senador do PSdeG César Mogo asegurou hoxe na Cámara Alta que a reparación da estrada Nacional 120 “acometerase de inmediato”. Durante o debate dunha iniciativa na Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible, afirmou que “veciños e usuarios teñen razón” nas súas demandas respecto da mellora da N-120, “e o Partido Socialista dállela”.
“Tal como denunciamos as iniciativas que só pretenden facer ruído, cando se debate sobre unha necesidade real, os socialistas sumámonos e acordamos, porque se trata de dar resposta a problemas reais”, defendeu.
Mogo explicou que, tras a sucesión de temporais que está a afectar a Galicia —ao igual que ao resto da Península— durante os últimos meses, o Goberno “está preparado” para acometer as obras necesarias co fin de garantir a seguridade viaria nesa infraestrutura que percorre o sur da provincia de Lugo e a conecta con Ourense.
O senador socialista recordou que a situación da N-120 se debe a un abandono de case dúas décadas e que non se trata dun caso exclusivo da Rede de Estradas do Estado, xa que, sinalou, tamén existen na provincia lucense estradas de titularidade autonómica que se atopan en estado deplorable e precisan dun arranxo urxente. Neste punto, Mogo referiuse á N-540, que discorre pola provincia de Lugo, para avanzar que o Estado tamén prevé unha próxima intervención a fondo nela.
César Mogo apuntou que o Goberno central está realizando un gran esforzo en materia de mantemento e conservación viaria, xa que destina a ese fin 1.830 millóns ao ano, cando en 2017, último ano do Executivo do PP, se dedicaban só 815. Con todo, recoñeceu que as necesidades dunha rede de 16.000 quilómetros son aínda maiores, e subliñou que, precisamente por iso, o Ministerio de Transportes vén de anunciar 1.629 millóns adicionais.